NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega e os institutos Ramon Llull, Extepare e Cervantes impulsarán un informe periódico sobre a situación das linguas oficiais

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu este mércores unha xuntanza de traballo na que participaron Pere Almeda, director do Institut Ramon Llull; Irene Larraza, directora do Extepare Euskal Institutua; Martín López-Vega, director de Gabinete do Instituto Cervantes; e Rosario Álvarez, presidenta do CCG. Nela acordaron, entre outras accións, a realización dun Informe bianual sobre a situación das respectivas linguas e a celebración dunha mostra multidisciplinar, para visibilizar o máis actual da creación cultural galega, vasca e catalá e española. A reunión celebrouse cando se cumpren dous anos da sinatura do primeiro acordo conxunto para apoiar a diversidade lingüística e pluralidade cultural de España.
O Consello da Cultura Galega e os institutos Ramon Llull, Extepare e Cervantes impulsarán un informe periódico sobre a situación das linguas oficiais

Na xuntanza acordouse promover un informe bianual sobre a situación das respectivas linguas. A preparación deste documento iniciarase nos vindeiros meses coa constitución dunha comisión técnica de traballo. O informe permitiría ter indicadores estatísticos comúns a todas as linguas así como formular unhas conclusións de carácter propositivo. Entre as iniciativas acordadas destaca o impulso dunha mostra intercultural e multidisciplinar para amosar o máis contemporáneo da creación nas diferentes linguas e culturals. Esa acción tería carácter itinerante co obxectivo de visibilizar a vizosa creación nos diferentes sectores: musical, audiovisual, danza...

Avanzaron tamén na concreción doutras iniciativas como a articulación dun procedemento que facilite a tradución literaria contemporánea entre as distintas linguas oficiais. A reunión desenvolvida esta mañá no Consello da Cultura Galega daba continuidade a encontros previos desenvolvidas tanto de xeito presencial (en Donosti e Nápoles), como telemático.

Ademais, na xuntanza tamén se fixo balance do acordo de colaboración asinado telematicamente en 2020. Neste período realizáronse actividades conxuntas como a celebración do Día Europeo das Linguas (en Berlín en 2020 e en Nápoles en 2021), a participación en encontros internacionais, así como diferentes iniciativas a través das sedes do Instituto Cervantes espalladas por todo o mundo.

Un camiño compartido
O 26 de maio de 2020 a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director do Instituto Cervantes, Luis García Montero; a directora do Institut Ramón Llull, Iolanda Batallé, e a directora do Etxepare Euskal Institutua, Irene Larraza, asinaron o primeiro acordo de colaboración conxunto para promover a lingua e a cultura galega, española, catalá e vasca. Aquel documento establecía un marco de cooperación de catro anos prorrogables para participar en accións comúns “dentro dos seus ámbitos de actuación e as súas posibilidades, as diferentes culturas e linguas propias do Estado español”. Pretendíase sistematizar a promoción conxunta da diversidade lingüística e a pluralidade cultural, ademais de darlle continuidade e unha nova orientación común a colaboracións puntuais que xa se viñan desenvolvendo entre algunhas delas.

Entre os antecedentes deste acordo figuran programas de intercambios literarios como o proxecto Poetas itinerantes que permitiu a mobilidade de poetas entre Galicia, Cataluña e o País Vasco ou convenios puntais de carácter bilateral, como o asinado en 2010 entre o CCG e o Cervantes que contribuíu á difusión exterior da cultura galega a través da itinerancia de exposicións, conferencias, coloquios e proxeccións. Destaca tamén o congreso internacional “Estudos Galegos/Estudos Ibéricos. Alén das fronteiras”, desenvolvido en Compostela en 2014 no que se xuntaron por primeira vez os responsables dos institutos encargados da difusión da cultura e o idioma das diferentes linguas ibéricas. Naquela ocasión sumouse ao encontro o Instituto Camões, representado pola que era a súa presidenta naquel momento, Ana Paula Laborinho.