Comeza o ciclo Literarias todas, que analiza a posición das mulleres no sistema literario

Olga Novo, Chus Lama e Alba Cid comparten, entre outros aspectos, ser tres mulleres gañadoras de tres premios nacionais de literatura. As tres participan este martes (Chus Lama por videoconferencia) na sesión titulada “Novas voces, éxitos eternos. Os premios nacionais levan nome de muller (parte I)”. Con ela ábrese o ciclo Literarias todas, organizado polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG). Unha proposta coordinada por Inma López Silva que busca reflexionar sobre a posición das mulleres dentro do sistema literario galego. A xornada é presencial pero pode seguirse en directo a través do web e das redes da institución.

O CDIF busca con Literarias todas abrir un espazo de reflexión a tres bandas, entre escritoras, outras axentes do espazo literario galego e público lector, co fin de pulsar a realidade da literatura feita por mulleres en Galicia e os retos que se presentan neste eido para o futuro inmediato. No cambio de século a literatura galega experimentou unha serie de mudanzas, tanto no nivel estético coma no profesional, vinculadas, en boa medida, coa chegada dun importante número de mulleres aos espazos de visibilidade. Fenómenos como a renovación estética, a diversificación das estratexias de procura de públicos, a internacionalización dos mercados e as novas formas de edición non só teñen lugar no nivel sistémico, senón que tamén poden ser analizados con perspectiva de xénero, amosando deste xeito un interesante punto de vista para a análise da posición das mulleres no campo cultural galego, que é o que se propón con este ciclo.

A primeira sesión
O ciclo arrinca cunha das cuestións adoito debatidas arredor da posición das escritoras no sistema literario: a súa relación cos procesos de visibilización e canonización. Unha realidade que se abordará en dous coloquios: o primeiro terá lugar este martes 24 de maio no que Alba Cid, Chus Lama e Olga Novo, moderadas por Dolores Vilavedra, falarán de poesía e ensaio, da presenza ou ausencia das mulleres poetas no espazo literario, do concepto de éxito e da importancia das mulleres no xénero inaugural da literatura galega.

Outras noticias que che poden interesar