NOTICIA

----

Un simposio analiza a relevancia de rutas de peregrinación europeas e xaponesas

O Consello da Cultura Galega colabora co Instituto Cervantes de Tokio, as embaixadas de Irlanda e Portugal en Xapón e o Instituto Camões no Simposio "Fóra do común. Espiritualidade, Resiliencia e Rexeneración nas rutas de peregrinaxe de Europa e Xapón". A cita arrinca hoxe en Tokio e conta cunha parte presencial e outra telemática. Con este simposio búscase analizar o papel que as rutas de peregrinación en Xapón e Europa tiveron ao longo da historia e a súa actual relevancia.

O simposio pretende poñer de manifesto as peculiaridades dalgunhas rutas de peregrinación, tanto as de renome internacional como outras menos coñecidas, en Irlanda, Portugal, España e Xapón. A idea é amosar como poden converterse nun instrumento para a rexeneración social e espiritual nas nosas sociedades post Covid-19.

A primeira xornada do simposio abordará o tema desde unha perspectiva académica e científica. Pola banda galega participa José Miguel Andrade Cernadas, da Universidade de Santiago de Compostela, que falará dos peregrinos en Europa durante a Idade Media e a evolución das rutas Xacobeas ao longo dos séculos.

A xornada do venres, centrarase no estudo de iniciativas locais de éxito que foron capaces de revalorizar as comunidades con rutas de peregrinación a través das artes, o turismo sostible ou proxectos de impacto social. Será Cristina Sánchez-Carretero, do Instituto de Ciencia do Patrimonio INCIPIT, a que falará da participación cidadá na protección do patrimonio cultural no Camiño de Santiago.

O congreso remata este venres coa lectura de conclusión a cargo dos moderadores e organizadores.