No marco desta visita a Bos Aires, a escritora Berta Dávila coñeceu o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires. Alí participou nun encontro na sala Luís Seoane cos alumnos de 5º e 6º curso.
O Colexio Santiago Apóstol foi creado en 1989 por iniciativa da Xunta de Galicia e do Centro Galicia de Bos Aires. É unha institución educativa singular que naceu coa finalidade de acrecentar o proceso de conformación e conservación dunha identidade galego-arxentina por medio dunha educación bicultural.
O ideario do centro marca como obxectivo propagar e soster o ensino en calquera nivel, infundindo na aula o ideal de servizo e solidariedade e o coñecemento dos valores culturais do pobo galego, da súa lingua, das súas tradicións, historia, folclore, arte e demais manifestacións.