O Consello da Cultura Galega homenaxea a memoria dos exilios republicanos a partir da figura de Florencio Delgado Gurriarán

“Neste Día das Letras Galegas de 2022, cando se homenaxea tanto ao poeta como ao activista político e cultural Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, Ourense, 1903 - Fair Oaks, USA, 1987), é necesario honrar a memoria dos exiliados e exiliadas republicanos, que, coma el, pasaron de Galicia a México”. Deste xeito explicou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), a dobre intencionalidade coa que institución celebra a festividade do 17 de Maio a través de dúas actividades centrais. Unha delas é o tradicional Concerto das Letras Galegas, que este ano corre a cargo do grupo Zoar e terá lugar, como vén sendo habitual, na véspera do Día das Letras na localidade do nacemento do autor (teatro Lauro Olmo, O Barco de Valdeorras 20:00 horas). O concerto será emitido en directo a través de internet e na TVG o día 17 no marco da programación especial prevista para a celebración. A outra é a publicación co facsímile do Cancioneiro da loita galega, con estudo crítico de Xesús Alonso Montero e notas de Ricardo Gurriarán, sobriño do homenaxeado.

A biblioteca do Consello da Cultura Galega acolleu na mañá deste luns a rolda de prensa dos actos centrais cos que o Consello da Cultura Galega celebra o Día das Letras Galegas deste 2022. A presidenta, Rosario Álvarez, presentou as dúas iniciativas, o tradicional Concerto das Letras Galegas, que cumpre doce edicións, e a publicación de homenaxe; canda ela estaban os alcaldes vencellados biograficamente á figura de Florencio, o do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e o de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro; mais Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, entidade responsable do Día das Letras Galegas, e o sobriño do homenaxeado, Ricardo Gurriarán. Ademais, participaron Xesús Alonso Montero, autor do estudo crítico que acompaña a edición facsimilar do CCG; Alex Salgueiro, voceiro do grupo Zoar, encargado do concerto, e a compositora Carme Rodríguez, autora da peza que se estrea ese día.

Edición facsimilar comentada do Cancioneiro da loita galega
“Florencio Delgado Gurriarán é tamén o activista cultural que pon as súas armas, incluída a poesía, ao servizo da causa republicana e da causa da cultura galega en obras e proxectos tendentes a articular a intelectualidade galega exiliada e a facer visible o combate e a resistencia de Galicia e dos galegos, durante a Guerra e na longa posguerra”, razóns que argumentou a presidenta no limiar do libro para a elección do Cancioneiro da loita galega. É unha obra na que Florencio participa como autor e na que na tamén están un amplo grupo de poetas que escriben desde a clandestinidade. O libro foi publicado polo Partido Galeguista en México en 1943 e chega agora en edición facsimilar, precedida dun estudo de Xesús Alonso Montero. Precisamente o propio Alonso Montero ten un vínculo especial coa obra xa que foi quen a visibilizou en Galicia e é o autor do prólogo da versión que Ediciós do Castro sacou ao prelo en 1996. El mesmo define a obra como “un corpus poético con textos elexíacos, patrióticos, de combate e de denuncia”.

Concerto das Letras Galegas
O grupo Zoar é o encargado desta edición do Concerto das Letras Galegas. Un dos seus integrantes, Álex Salgueiro, explicou que “está pensado nesta dobre premisa: homenaxear a persoa de Florencio Delgado pero tamén o colectivo que formou parte do exilio mexicano”. Por iso, o programa que se poderá escoitar no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras (luns 16 de maio ás 20:00 horas) está conformado, por unha banda, por pezas que fan referencia explícita ao homenaxeado e, por outra, “as creacións musicais ligadas á diáspora mexicana con obras dos seus principais referentes como Adolfo Salazar e Rodolfo Halffter e mais o galego Jesús Bal y Gay; bos amigos xa dende a súa etapa madrileña que se reencontraron en México, onde seguirían colaborando, en particular na creación da revista Nuestra Música. Hai tamén outras pezas que non están en relación con estes dous grandes eixes de homenaxe e son unha chiscadela á cultura local, como é “Aureana do Sil”, de Federic Mompou, a partir dun texto de Ramón Cabanillas, e na que participou moi activamente o ourensán Antonio Fernández-Cid.
En cada edición do Concerto das Letras Galegas hai unha estrea absoluta a partir dunha encarga do CCG. Nesta ocasión, a estrea é a peza Diásporas, composta por Carme Rodríguez (Ribadeo, 1996). É unha peza contemporánea na que a compositora parte de catro textos do poemario Galicia infinida (“Xacarandá”, “Volta”, “Enamórame o feitizo do tesouro” xunto cun extracto de “Galicia infinda”) para ofrecer “unha estrutura musical na que se amosa ese soño da Galicia infinda da que falaba Florencio; unha aventura ética que non deixa atrás do tema da saudade, a sensibilidade e o achegamento á natureza de México que comparaba coa de Galicia” explicou Carme Rodríguez.

O grupo Zoar é un conxunto de cámara fundado en 2009. Neste concerto participan Joan Ibáñez na frauta, frautín e frauta en sol; David Villa no óboe e corno inglés; Antonio Suárez na trompa, clarinete e clarinete baixo, e Álex Salgueiro no fagot e contrafagot. A soprano elexida nesta ocasión é Clara Jelihovschi Panas. A directora artística do concerto é Ana Inés Jabares-Pita, o deseño de luces corre a cargo de Octavio Mas Ibáñez e Masako Hattori é a deseñadora do videoarte que se empregará durante o concerto.

A entrada ao concerto é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala. As entradas poderán retirarse no despacho de billetes do Teatro Lauro Olmo o propio día do concerto a partir das 19:00 horas e tamén se poden reservar no teléfono 988 320 053.