NOTICIA

----

Unha xornada reflexiona sobre o papel dos medios de comunicación no contexto actual

Que papel deben cumprir os medios de comunicación na nosa sociedade? Informar ou educar? Existe a censura? Que é iso da guerra informativa? Estas son algunhas das cuestións sobre as que coñecidos xornalistas debaterán mañá na xornada “Censuras e silencios nos medios de comunicación” que organiza a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG). A cita é presencial pero tamén se poderá seguir en directo a través da web e das redes sociais da institución.

A cita organizada pola Sección de Pensamento, que coordina Carme Adán, pretende reflexionar sobre o papel que deben cumprir os medios de comunicación na sociedade actual. A xornada comeza cun relatorio de Marcos Pérez Pena que se titula “A(s) censura(s) na prensa galega, de onte a hoxe”. De seguido, Víctor Freixanes, xornalista e presidente da Real Academia Galega, e María Obelleiro, directora de Nós Diario, reflexionarán sobre xornalismo feito en galego.

Pola tarde, baixo o título “Xornalismo de partido? Particularidades (sombras) do xornalismo español” debaterán Rosa María Artal, xornalista e escritora e Ana Pardo de Vera, directora corporativa e relacións institucionais de Público. A xornada remata con Rosa Meneses, redactora de Internacional de El Mundo, e Nacho Carretero, reporteiro de El País, que falarán sobre "O prezo de informar en países inseguros".

Seccion de Pensamento
Esta actividade está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán, que ten entre os seus membros a Mariló Candedo, Francisco Castro, Nieves Herrero, Marta Lois, Luis Martínez, Celia Pereira, Juan Tallón, Ramón Máiz e Xoan Antonio Pérez Lema. No marco da actividade desta Sección revisouse a figura de personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx, así como a organización do ciclo Pensarmos.