NOTICIA

----

O Arquivo Sonoro de Galicia acode a Betanzos para captar a súa identidade sonora

O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), entidade do Consello da Cultura Galega (CCG), realiza este venres 29 de abril unha nova actividade encamiñada a enriquecer o Mapa Sonoro de Galicia. O director do Arquivo, Xosé Ramón Pousa, e a concelleira delegada de Cultura e Normalización Lingüística de Betanzos, Ana Belén Veiga Pita, serán os encargados de presentar esta sesión que convida á veciñanza a rexistrar os sons característicos desta vila para incorporalos ao mapa.

A sala azul do antigo Liceo acollerá a cita na que o director do ASG, Xosé Ramón Pousa, ofrecerá unha sesión teórica desta actividade que expón a importancia do son como valor cultural e a necesidade de conservar os sons do presente para xeracións futuras, así como o labor que leva a cabo o ASG, especialmente a través do Mapa Sonoro de Galicia.

As persoas asistentes á sesión determinarán as voces e os sons (naturais ou artificiais) que consideran máis representativos da vila que se visita e a súa área de influencia, planificando a gravación deles. No acto explicaranse a dinámica e a técnica de realización das gravacións, que, na súa maior parte, serán efectuadas cos teléfonos móbiles das persoas participantes, as cales terán unha semana de prazo para proceder á súa realización e á subida dos sons ao Mapa Sonoro de Galicia, onde quedarán, en aberto, a disposición do público.

Ciclo e o Mapa Sonoro de Galicia
Esta xornada é a segunda cita dun ciclo organizado polo ASG que pretende ir rexistrando as paisaxes sonoras das vilas galegas ao tempo que incorpora eses sons ao mapa Sonoro de Galicia (mapasonoro.consellodacultura.gal), un proxecto web da institución que ofrece unha perspectiva xeográfica a coleccións sonoras custodiadas pola institución. Está especializado en coleccións de recollida antropolóxica, etnográfica, lingüística ou de sons da natureza, ambiente ou de actividade humana.

O Arquivo Sonoro de Galicia
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un dos arquivos do Consello da Cultura Galega e a súa liña de acción xira arredor da recuperación do patrimonio oral (tanto culto como tradicional) e musical galegos. A recompilación, a preservación e a difusión son os tres eixes centrais da súa actividade. En canto á compilación, o ASG está permanentemente buscando gravacións sonoras (arquivo da palabra, gravacións etnográficas, rexistros etnomusicolóxicos, material radiofónico, músicas galegas -culta, tradicional, pop, rock...-) entre arquivos particulares, institucións, colectivos e compañías discográficas. O seu traballo de preservación implica accións a varios niveis: dunha banda, a conservación do seu fondo sonoro en condicións óptimas de humidade e temperatura, e da outra, a súa catalogación e dixitalización.

Hoxe en día o ASG conta con máis de 20 000 rexistros sonoros, procedentes de adquisicións e doazóns, entre os que se atopan 7000 rexistros das emisións de RNE en Galicia ao longo da segunda metade do século XX. Unha das xoias do ASG é a colección de máis de setecentos discos de pedra producidos en Galicia ou con contidos galegos, moitos dos cales xa se poden oír no espazo web do Arquivo. As “Lousas” son pezas únicas, cunha tiraxe de 200 exemplares que non son exactamente iguais entre si. Na maior parte son gravacións impulsadas dende a emigración para levar a América os sons de Galicia.