NOTICIA

----

O ciclo Revisando a nosa arte centra unha xornada a analizar a pintura de Laxeiro

Laxeiro (lalín, 1908- Vigo, 1996) foi unha figura fundamental para entender a pintura galega do século XX. A sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) súmase ás celebracións do Día das Artes Galegas cunha xornada sobre a súa figura, que se insire no marco do ciclo Revisando a nosa arte. Carmen Díaz coordina esta sesión que terá lugar este mércores 27 de abril e no que participan Javier Buján, Cecilia Doporto e Antón Castro. A xornada é presencial pero pode seguirse en directo a través do web e das redes da institución.

A xornada comeza cun relatorio a cargo de Antón Castro que leva por título “A filosofía de Merlín en Don Ramiro. Cando Mirlotil visitou a Dostoieski acompañado de Max Estrella”. Séguelle unha intervención de Cecilia Doporto Regueira que falará de “Os laxeiros de Lalín”. Pecha os relatorios Javier Pérez Buján cunha intevención na que fala da relación entre Laxeiro e a pintura. A cita pecha cun debate entre os relatores e o público asistente.

A figura de Laxeiro
Nado en Lalín (1908), emigra coa súa familia para Cuba en 1921. Retorna a Lalín en 1925, onde o traballo de barbeiro lle permitirá debuxar sen descanso todo tipo de personaxes populares, profundando no xénero do retrato. En 1931 trasládase a Madrid e matricúlase como alumno libre na Real Academia de Belas Artes de San Fernando grazas a unha bolsa do Concello de Lalín e outra da Deputación de Pontevedra. Esta estadía madrileña sería breve, até 1933, pero deulle a oportunidade de asistir frecuentemente ao faladoiro da Granja del Henar e estar en contacto con outros artistas como Lugrís, Souto, Colmeiro e Torres ou con intelectuais da importancia de Dieste, Risco, Otero Pedrayo e Valle-Inclán.

Ao seu regreso a Galicia realiza a súa primeira exposición individual na Facultade de Filosofía e Letras en Compostela e inaugura unha etapa de grande actividade artística que se ve interrompida polo estalido da Guerra Civil. Chamado a filas, entre 1937 e 1939 estivo na fronte de Asturias, onde trabou unha profunda amizade co poeta Celso Emilio Ferreiro.

En 1940 establécese en Pontevedra como profesor de Debuxo, onde pinta o mural El manantial de la vida no Café Moderno. Pasa logo uns anos en Vigo e en 1951 viaxa a Bos Aires para participar na exposición Artistas galegos onde fica vinte anos. Esta etapa marca un cambio importante na súa vida e na súa obra. Leva entón unha vida moi activa ao carón de pintores e escritores como Dieste, Lorenzo Varela, Maruja Mallo, Colmeiro, Seoane ou Arturo Cuadrado e integrarse nos círculos artísticos arxentinos. En 1970, despois dunha gran retrospectiva na Art Gallery International de Bos Aires, regresa a España. Na súa volta á península reparte o seu tempo entre Madrid, Vigo e Lalín.
Os actos de recoñecemento sucédense mentres continúa realizando exposicións e protagonizando algunhas importantes como a mostra antolóxica na VIII Bienal Nacional de Arte de Pontevedra, Laxeiro en Argentina (1952- 1970) no Kiosko Alfonso da Coruña ou Érase unha vez Laxeiro, que lle dedicou o Colectivo Atlántica en 1981, despois da cal doa moitas das súas obras á cidade de Vigo, no que sería o xermolo da actual Fundación Laxeiro. En 1996 dedícaselle unha gran retrospectiva no CGAC, pouco antes do seu pasamento en Vigo.

Revisando a nosa arte
A sección de Artes e Creación Visual Contemporánea puxo en marcha no pasado mes de marzo Revisando a nosa arte, un ciclo que pretende achegarse ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX. Iso implica afonda na renovación do Movemento Renovador da pintura galega que iniciou Castelao, proseguiu Carlos Maside e secundou Arturo Souto, Laxeiro ou Manuel Colmeiro, e se enriquece nas seguintes décadas con novas poéticas e tendencias. Estas xornadas tratan de poñer en valor e reinterpretar as obras destes e doutros artistas, a súa produción e traxectorias. A cita comezou cunha análise á figura de Carlos Maside.

Sección de Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e ten como membros a Manuel Vilariño, Rosario Sarmiento, Asunta Rodríguez, Sofía Santos, Luís Rosón, Ramón Rozas, Carmen Neira, Miguel Fernández-Cid, Carmen Díaz, Paula Cabaleiro e Jesús Pastor.