O CEIP Quintela de Moaña centra o último capítulo do proxecto Aquí medra a lingua

Unha contorna completamente castelanizada na que a transmisión do galego de pais a fillos hai tempo que non se produce. Neste contexto, a actividade dos equipos de dinamización lingüística do CEIP Quintela de Moaña buscan a faceta emocional para o ensino e uso do idioma. A historia deste centro protagoniza o último capítulo de Aquí medra a lingua, serie web do Consello da Cultura Galega (CCG) que dá a coñecer iniciativas de dinamización lingüística na escola. O proxecto non conclúe aquí, xa que no vindeiro mes de xuño se presentará un documental de trinta minutos que ofrecerá, a partir deste material, unha panorámica xeral sobre o uso do idioma no ámbito escolar.

“Forxar un vínculo” é o título do último capítulo da serie Aquí medra a lingua. Nesta ocasión os protagonistas son os alumnos do CEIP Quintela de Moaña, un centro castelanizado. O seu equipo promove actividades cunha importante dimensión emocional, para espertar apego pola lingua e que o alumnado remate a Primaria podendo expresarse tamén en galego.

Nesta ocasión interveñen Belén Escariz Ferrín, Gloria Barreiro Cabanas, Enma Sequeiros Santomé, Tomé Barcia Martínez, Hugo Alves Nogueira, Mario Ríos Pérez, Mara Lemos Freire, Sofía Rodríguez Alvor e Beatriz Martínez.

O proxecto
Aquí medra a lingua é un proxecto deseñado pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación que coordina Carme García Mateo, que busca amosar que as escolas son un cómplice indispensable na lingua galega e da súa transmisión. As diferentes iniciativas están contadas polos seus propios protagonistas que ofrecen un relato fiel dos proxectos que se están a desenvolver en diferentes centros de toda Galicia. Esta viaxe audiovisual, dirixida pola valdeorresa Cristina de la Torre, está estruturada en seis capítulos que arrincaron O modelo Burela o pasado 21 de marzo e que semanalente ofrece unha nova achega.

Comezou o co IES O Perdouro de Burela, seguíu co Virxe da Saleta de Cea (28 de marzo), e o Félix Muriel de Rianxo (4 de abril), Ceip Barouta de Ames (11 de abril) e CRA Nosa Señora de Ponteceso (18 de abril). Son seis centros que están espallados por toda a xeografía galega, que amosan as diferentes accións de cada centro en prol da lingua, coas dificultades e vantaxes de cada caso. Ao remate, todas esas visións xuntaranse nun documental único que condensa todo o material e que ofrece unha visión realista sobre o galego na escola.

A realizadora
Cristina de la Torre (1977, A Rúa-Ourense) é licenciada en Historia, con Máster en Medios de Comunicación. Ten traballado en prensa escrita, radio e televisión como xornalista. Dende hai uns anos dedícase á consultoría de comunicación e a produción audiovisual. No 2007 dirixiu o seu primeiro documental Apartado 12, e no 2016 estreou Santoalla, documental do que é produtora. Realiza contidos corporativos e proxectos audiovisuais con centros educativos como A lus do Mundo. No 2014 comisariou a exposición Unha ínsua para Díaz Castro, na Deputación de Lugo, e desde o 2017 realiza proxectos de dinamización cultural como Pantasmas de Oza, Manuel Jorge, un pintor libre, Vidas Mariñeiras ou Valdeorras Infinda. O ano pasado xa colaborou co CCG coa realización da curtametraxe documental Falan Elas. Tres xeracións de mulleres trans de Galicia.

Sección de Lingua, Literatura e Comunicación
Aquí medra a lingua é unha actividade proposta pola Sección de Lingua, Literatura e comunicación do Consello da Cultura Galega. Unha área coordinada por Carme García Mateo e que ten entre os seus membros a Elisa Fernández Rei, Víctor Freixanes, Henrique Monteagudo, Eva Sánchez, Nel Vidal, Renée de Palma, Burghard Balstrusch, Carlos Pereiro e Pablo Romero.

Outras noticias que che poden interesar