NOTICIA

----

A serie web Aquí medra a lingua analiza o proxecto do CRA Nosa Señora do Faro

As visitas ao lavadoiro na que recuperaron oficios e cantigas, un álbum de lembranzas ou o ciclo agrícola para coñecer o léxico de cada estación son algunhas das iniciativas que se desenvolven no Centro Rural Agrupado Nosa Señora do Faro, é dicir, oito escolas dos concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Malpica. O seu proxecto centra a penúltima entrega de Aquí medra a lingua, serie web do Consello da Cultura Galega (CCG) que dá a coñecer iniciativas de dinamización lingüística na escola.

O CRA Nosa Señora do Faro traballa nunha contorna maioritariamente galego falante e aposta por tecer colaboracións con colectivos e empresas locais, e participar na vida cultural dos municipios. Deste xeito busca conciliar docencia e lecer, integrar vida académica e extraacadémica, para fornecer a raíz e a autoestima. Este episodio titúlase “Militar na contorna”, gravouse nas escolas de Tallo e de Pazos máis na Fundación Eduardo Pondal. Nel interveñen Julia Ures Villar, Soraya Remuiñán Barca, Sara Varela Rama, María Noelia Garrido Cerdeiro, Mercedes Castro Cotelo e Adolfo Castro Cotelo.

O proxecto
Aquí medra a lingua é un proxecto deseñado pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación que coordina Carme García Mateo, que busca amosar que as escolas son un cómplice indispensable na lingua galega e da súa transmisión. As diferentes iniciativas están contadas polos seus propios protagonistas que ofrecen un relato fiel dos proxectos que se están a desenvolver en diferentes centros de toda Galicia. Esta viaxe audiovisual, dirixida pola valdeorresa Cristina de la Torre, está estruturada en seis capítulos que arrincaron con O modelo Burela o pasado 21 de marzo e que semanalente ofrece unha nova achega.

Comezou o co IES O Perdouro de Burela, seguíu co Virxe da Saleta de Cea (28 de marzo), e o Félix Muriel de Rianxo (4 de abril) e rematará o 25 de abril no CEIP Quintela de Moaña. Son seis centros que están espallados por toda a xeografía galega, que amosan as diferentes accións de cada centro en prol da lingua, coas dificultades e vantaxes de cada caso. Ao remate, todas esas visións xuntaranse nun documental único que condensa todo o material e que ofrece unha visión realista sobre o galego na escola.

A realizadora
Cristina de la Torre (1977, A Rúa-Ourense) é licenciada en Historia, con Máster en Medios de Comunicación. Ten traballado en prensa escrita, radio e televisión como xornalista. Dende hai uns anos dedícase á consultoría de comunicación e a produción audiovisual. No 2007 dirixiu o seu primeiro documental Apartado 12, e no 2016 estreou Santoalla, documental do que é produtora. Realiza contidos corporativos e proxectos audiovisuais con centros educativos como A lus do Mundo. No 2014 comisariou a exposición Unha ínsua para Díaz Castro, na Deputación de Lugo, e desde o 2017 realiza proxectos de dinamización cultural como Pantasmas de Oza, Manuel Jorge, un pintor libre, Vidas Mariñeiras ou Valdeorras Infinda. O ano pasado xa colaborou co CCG coa realización da curtametraxe documental Falan Elas. Tres xeracións de mulleres trans de Galicia.

Sección de Lingua, Literatura e Comunicación
Aquí medra a lingua é unha actividade proposta pola Sección de Lingua, Literatura e comunicación do Consello da Cultura Galega. Unha área coordinada por Carme García Mateo e que ten entre os seus membros a Elisa Fernández Rei, Víctor Freixanes, Henrique Monteagudo, Eva Sánchez, Nel Vidal, Renée de Palma, Burghard Balstrusch, Carlos Pereiro e Pablo Romero.