O cuarto capítulo do proxecto Aquí medra a lingua achégase á realidade do CEIP Barouta de Ames

O proxecto Aquí medra a lingua, serieweb do Consello da Cultura Galega (CCG) para dar a coñecer iniciativas de dinamización lingüística na escola, achégase esta semana a Ames. No caso do CEIP Barouta, aínda que o galego segue a ser a lingua materna de parte do alumnado, a desgaleguización é tamén unha realidade. Este capítulo chámase “Alianzas necesarias” e aborda os retos de preparar un Plan de Dinamización Lingüística cando se parte dunha radiografía fiel da realidade.

O CEIP Barouta de Ames foi un dos centros que participou do Mapa sociolingüístico escolar de Ames, unha investigación da Real Academia da Galega (RAG) que acendeu todas as alarmas sobre o uso do galego entre a infancia e a xuventude. Aínda que a investigación rematou, a colaboración coa RAG segue en marcha para redeseñar o seu Plan de Dinamización Lingüística e atender aos desafíos que presentan os novos datos.

Neste capítulo participan Alonso Barreiro Caxade, Paula Casal Barreiro, Gabino Vázquez-Grandío, Ignacio Pose Couto, María Belén Domínguez Rey, Montserrat Castro Rodríguez, David Conde Varela, Sonia Lamas, Laura Trincado e Laura Hernáiz.

O proxecto
Aquí medra a lingua é un proxecto deseñado pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación que coordina Carme Garcia Mateo, que busca amosar que as escolas son un cómplice indispensable na lingua galega e da súa transmisión. As diferentes iniciativas están contadas polos seus propios protagonistas que ofrecen un relato fiel dos proxectos que se están a desenvolver en diferentes centros de toda Galicia. Esta viaxe audiovisual, dirixida pola valdeorresa Cristina de la Torre, está estruturada en seis capítulos que arrincaron con O modelo Burela o pasado 21 de marzo e que semanalente ofrece unha nova achega.

Comezou o co IES O Perdouro de Burela, seguíu co Virxe da Saleta de Cea (28 de marzo), o IES Félix Muriel de Rianxo (8 de abril) e por diante faltan o CRA Nosa Señora de Ponteceso (18 de abril) para rematar o 25 de abril no CEIP Barouta de Moaña. Son seis centros que están espallados por toda a xeografía galega, que amosan as diferentes accións de cada centro en prol da lingua, coas dificultades e vantaxes de cada caso. Ao remate, todas esas visións xuntaranse nun documental único que condensa todo o material e que ofrece unha visión realista sobre o galego na escola.

A realizadora
Cristina de la Torre (1977, A Rúa-Ourense) é licenciada en Historia, con Máster en Medios de Comunicación. Ten traballado en prensa escrita, radio e televisión como xornalista. Dende hai uns anos dedícase á consultoría de comunicación e a produción audiovisual. No 2007 dirixiu o seu primeiro documental Apartado 12, e no 2016 estreou Santoalla, documental do que é produtora. Realiza contidos corporativos e proxectos audiovisuais con centros educativos como A lus do Mundo. No 2014 comisariou a exposición Unha ínsua para Díaz Castro, na Deputación de Lugo, e desde o 2017 realiza proxectos de dinamización cultural como Pantasmas de Oza, Manuel Jorge, un pintor libre, Vidas Mariñeiras ou Valdeorras Infinda. O ano pasado xa colaborou co CCG coa realización da curtametraxe documental Falan Elas. Tres xeracións de mulleres trans de Galicia.

Sección de Lingua, Literatura e Comunicación
Aquí medra a lingua é unha actividade proposta pola Sección de Lingua, Literatura e comunicación do Consello da Cultura Galega. Unha área coordinada por Carme García Mateo e que ten entre os seus membros a Elisa Fernández Rei, Víctor Freixanes, Henrique Monteagudo, Eva Sánchez, Nel Vidal, Renée de Palma, Burghard Balstrusch, Carlos Pereiro e Pablo Romero.

Outras noticias que che poden interesar