Chega ao ecuador a emisión de A camisa, adaptación sonora da premiada obra teatral

A decisión de Lola de marchar traballar a Alemaña ante a negativa do seu home a facelo centra o terceiro dos episodios de A Camisa, adaptación sonora da premiada peza dramática escrita por Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras, 1922-Madrid, 1994). A ficción en formato podcast foi feita por A quinta do Cuadrante, con dirección de Tito Asorey, e parte da tradución que Ramón de Valenzuela fixo do texto orixinal. O Consello da Cultura Galega (CCG) e o concello do Barco de Valdeorras foron os encargados deste proxecto que conmemora o centenario do nacemento de Lauro Olmo e o sesenta aniversario da estrea da peza.

"O desexo de emigrar é algo que non ten idade nesta vila. Os adultos loitan por facer realidade a posibilidade de marchar, e os pequenos non poden facer máis que tratar de copialos, como Loliña e Nacho, que xa soñan, case antes de chegar a adolescencia, cun futuro lonxe do seu país. Lola soña tamén con darlles un futuro mellor aos seus fillos e toma a resolución de marchar á Alemaña, xa que o seu marido, Xan, está decidido a quedar na súa terra. Durante a cea na súa casa debaterase esa decisión, con consecuencias imprevisibles...". Este é o argumento do terceiro dos cinco episodios da adaptación sonora de A Camisa, xa dispoñible desde o web do Consello da Cultura Galega.

Un drama en cinco capítulos
Xan e Lola son un matrimonio que se instala no arrabalde chabolista de Madrid coa súa familia: os seus fillos, Loliña e Agostiño, e mais a avoa, coa esperanza de prosperidade. Malia a súa camisa nova, Xan non atopa o traballo que ansiaba e nesa infrutuosa procura afloran outros temas como a marxinalidade, o paro e o alcoholismo, nunha España afogada que convidaba ao exilio. A peza dramática escrita polo valdeorrés Lauro Olmo sobre os problemas da clase baixa española dos anos sesenta foi publicada en 1960. Estreouse primeiro en Bos Aires e tivo que agardar ata 1962 para poder pasar a censura e chegar ao Teatro Goya de Madrid. Foi traducida a múltiples idiomas e obtivo diversos galardóns, entre eles o Premio Nacional de Teatro.

A adaptación sonora divide a historia en cinco capítulos de entre 12 e 15 minutos de duración que se emiten cada venres. Chus Silva foi a encargada da parte técnica da sonorización, que permitiu crear un espazo sonoro evocador. O elenco artístico está formado por Melania Cruz (Loliña, Lola), María Costas (avoa) Josito Porto (señor Paco, Ricardo), Nacho Castaño (Nacho, Sebas), Vanesa Sotelo (Muller, María), Tito Asorey (Xan, Tío Marabillas) e Davide González (Agostiño, Lolo). Rosa Moledo foi a responsable da asesoría lingüística.

Unha aposta polo teatro en galego
Na adaptación en formato podcast de A camisa xúntanse varios feitos destacados. O primeiro deles é que se trata dun texto relevante para descubrir o drama da emigración, que sufriu o propio Lauro Olmo, xa que seu pai emigrou a Bos Aires, o que fixo que a súa familia se instalase en Madrid sendo el moi novo. Olmo está considerado un dos dramaturgos máis representativos do Realismo Social durante os anos da ditadura franquista e das primeiras décadas da democracia. Tivo grande influencia nel a súa muller, Pilar Enciso, coa que escribiu varias obras infantís. A obra literaria dos dous, así como a documentación recibida e producida por eles, custódiase no Fondo Lauro Olmo do Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música (CDAEM).

O segundo é que Ramón de Valenzuela (Silleda, 1914-Sanxenxo, 1980) é autor da tradución da que se partiu neste proxecto. O silledense representa tamén a memoria do exilio, unha das liñas de traballo do CCG para este 2022. Valenzuela foi un deses homes que contribuíron cun teatro en galego diferente, no que fixo tanto achegas actorais, como orixinais da súa propia autoría, é o caso da peza teatral As bágoas do demo, ou a tradución de textos de interese por exemplo os de Lauro Olmo ou Syngel.

Outras noticias que che poden interesar