NOTICIA

----

Repensar o papel do CGAC entre as conclusións da xornada Situarnos: o poder dos museos

Repensar o papel do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), reactivar os procesos de incorporación de persoal aos museos e crear redes de colaboración entre eles son as principais conclusións da xornada “Situarnos: o poder dos museos”, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Fundación María José Jove (FMJJ). O documento acábase de facer público e expón as ideas abordadas ao fío do encontro que tivo lugar o pasado 4 de febreiro entre Manuel Borja-Villel, director do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MNCARS), e unha parte representativa das institucións museísticas galegas e representantes políticos do eido da cultura, asociacións, artistas e curadores.

Repensar o papel do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), reactivar os procesos de incorporación de persoal aos museos e crear redes de colaboración entre eles son as principais conclusións da xornada Situarnos: o poder dos museos, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Fundación María José Jove (FMJJ). O documento acábase de facer público e expón as ideas abordadas ao fío do encontro que tivo lugar o pasado 4 de febreiro entre Manuel Borja-Villel, director do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MNCARS), e unha parte representativa das institucións museísticas galegas e representantes políticos do eido da cultura, asociacións, artistas e curadores.

Entre as conclusións da xornada, que xa se poden consultar no web do Consello da Cultura Galega, tamén se apunta á necesidade de crear redes de colaboración dos museos e outros organismos de investigación para promover o intercambio de coñecemento e de persoal entre institucións; así como promover unha estrutura de representación e coordinación dos museos galegos que promova redes de colaboración supranacionais e interestatais. A cita foi coordinada por Susana González, Encarna Lago e Agar Ledo.

Resumo da xornada
O documento de conclusións contén tamén unha síntese do que deu de si esta cita na que se debateron diferentes aspectos. Primeiro unha reflexión sobre o papel que os museos exerceron no momento da súa creación, é dicir, no inicio das políticas culturais. Segundo, abordar as novas formas de relación entre os museos e a cidadanía. E todo iso a partir do caso concreto do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, que explicou o seu director, Manuel Borja-Villel.

Borja-Villel destacou as problemáticas derivadas da falta de gobernanza, que afecta dun xeito decisivo ao tecido museístico do Estado, e explicou as excepcións do Museo Reina Sofía e do Museo del Prado, cuxa autonomía deriva dunha lei redactada a medida para posibilitar unha maior capacidade de decisión. Postas sobre a mesa estas cuestións, alertou dun grave problema de liberdade de creación e de guerra cultural. Falou da dimensión de “museo situado”, cun papel decisivo dentro do programa do MNCARS e que ten como finalidade repensar a institución desde o lugar xeográfico que ocupa, no seu caso, o barrio de Lavapiés.

Ademais, instou a “reclamar o espazo perdido dende a Transición, que foi engulido polas estruturas burocráticas. Falou de recuperar o tempo, a axencia –para que o espectador non sexa só espectador, para que recupere o lugar– e tamén recuperar as voces. Para iso propuxo, fronte á disciplinariedade moderna e a interdisciplinariedade posmoderna: a extradisciplinariedade”.

O documento de conclusións tamén pon sobre a mesa as queixas trasladadas polos asistentes, nomeadamente, “a falta dunha estrutura global que agrupe o tecido museístico e a necesidade dun plan común de actuación. Evidenciouse a falta de políticas museísticas e culturais, así coma a escasa autonomía das institucións -das políticas e das culturais- á hora de manexar os seus orzamentos, e fíxose fincapé na imposibilidade de contratar recursos humanos, procesos moi precarizados e que son a base para a produción do coñecemento e a activación de canles de colaboración que permitan establecer diálogos entre o dentro e fóra dos museos. A inexistencia dun horizonte laboral dentro das institucións culturais evidénciase no envellecemento do sector, a ausencia de relevo xeracional e na escasa participación de xente nova nos debates. Reclamouse tamén a necesidade de, nun contexto de alta dispersión xeográfica coma o galego, traballar na articulación dunha rede desxerarquizada que incorpore os museos municipais fronte ao plan centralizador imperante”.

Contexto desta cita
A xornada abríu o ciclo titulado “As institucións do futuro. Repensar as estruturas culturais galegas" que desenvolve a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do CCG arredor da liña que chama “Cultura e sustentabilidade". E era tamén o primeiro dos froitos do acordo de colaboración asinado entre o CCG e a FMJJ neste mes de xaneiro co obxectivo de facilitar a conexión entre persoas de diferentes disciplinas e ámbitos e fomentar a producción de coñecemento en relación a Galicia, á súa cultura, en xeral, e á arte contemporánea, en particular.