O IES Félix Muriel de Rianxo, os activistas da lingua, centra o terceiro capítulo do proxecto Aquí medra a lingua

Activistas da lingua é título do terceiro dos capítulos de Aquí medra a lingua, serieweb do Consello da Cultura Galega (CCG) para dar a coñecer iniciativas de dinamización lingüística na escola. Nesta ocasión, o proxecto fai recalada no IES Félix Muriel de Rianxo para amosar o labor de normalización lingüística deste centro que vai máis ala dun proxecto de dinamización.

O activismo do IES Félix Muriel ten un ano e un nome propio. En 2001 Valentina Formoso fíxose cargo do Equipo de Normalización Lingüística (ENL) e, a partir de aí, iniciouse un camiño que os trouxo ata a situación actual na que o instituto é un referente no fomento do galego. O seu proxecto de Dinamización Lingüística está no corazón do seu proxecto educativo. Tanto é así, que dende hai anos aplican o Tratamento Integrado de Linguas dando prioridade á lingua minorizada como idioma vehicular. O resultado é un maior e mellor uso do galego, unha educación de servizo á comunidade, cun profesorado implicado e un alumnado que exerce de activistas da lingua.
Neste capítulo interveñen Sofía Rama Lorenzo, Xabier Vázquez Parcero, Ramón Veiga Fernández, Sabela Loureiro Coto, Enma Ordóñez Freire, Noelia Fernández Romero, Laureano Figueira Tembra, Noa Rial Abuín, Ángela Garrido Pimentel, Óscar Iglesias Resúa e Andrea de Jesús Carou.

O proxecto
Aquí medra a lingua é un proxecto deseñado pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación que coordina Carme Garcia Mateo, que busca amosar que as escolas son un cómplice indispensable na lingua galega e da súa transmisión. As diferentes iniciativas están contadas polos seus propios protagonistas que ofrecen un relato fiel dos proxectos que se están a desenvolver en diferentes centros de toda Galicia. Esta viaxe audiovisual, dirixida pola valdeorresa Cristina de la Torre, está estruturada en seis capítulos que arrincaron O modelo Burela o pasado 21 de marzo e que semanalente ofrece unha nova achega.

Comezou o co IES O Perdouro de Burela, seguíu co Virxe da Saleta de Cea (28 de marzo), e por diante faltan o CEIP Barouta de Ames (11 de abril) e no CRA Nosa Señora de Ponteceso (18 de abril) para rematar o 25 de abril no CEIP Quintela de Moaña. Son seis centros que están espallados por toda a xeografía galega, que amosan as diferentes accións de cada centro en prol da lingua, coas dificultades e vantaxes de cada caso. Ao remate, todas esas visións xuntaranse nun documental único que condensa todo o material e que ofrece unha visión realista sobre o galego na escola.

A realizadora
Cristina de la Torre (1977, A Rúa-Ourense) é licenciada en Historia, con Máster en Medios de Comunicación. Ten traballado en prensa escrita, radio e televisión como xornalista. Dende hai uns anos dedícase á consultoría de comunicación e a produción audiovisual. No 2007 dirixiu o seu primeiro documental Apartado 12, e no 2016 estreou Santoalla, documental do que é produtora. Realiza contidos corporativos e proxectos audiovisuais con centros educativos como A lus do Mundo. No 2014 comisariou a exposición Unha ínsua para Díaz Castro, na Deputación de Lugo, e desde o 2017 realiza proxectos de dinamización cultural como Pantasmas de Oza, Manuel Jorge, un pintor libre, Vidas Mariñeiras ou Valdeorras Infinda. O ano pasado xa colaborou co CCG coa realización da curtametraxe documental Falan Elas. Tres xeracións de mulleres trans de Galicia.

Sección de Lingua, Literatura e Comunicación
Aquí medra a lingua é unha actividade proposta pola Sección de Lingua, Literatura e comunicación do Consello da Cultura Galega. Unha área coordinada por Carme García Mateo e que ten entre os seus membros a Elisa Fernández Rei, Víctor Freixanes, Henrique Monteagudo, Eva Sánchez, Nel Vidal, Renée de Palma, Burghard Balstrusch, Carlos Pereiro e Pablo Romero.

Outras noticias que che poden interesar