----

A colaboración institucional permite a adaptación sonora de A Camisa, a peza teatral que retrata o drama da emigración

A camisa é unha peza dramática escrita por Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras, 1922-Madrid, 1994) que retrata o dama da emigración na pel dunha familia que se traslada a Madrid coa esperanza dun mundo mellor. O barquense retratouna nunha premiada e representada obra que outro escritor, o silledense Ramón de Valenzuela, puxo en galego. A partir desa tradución, o Consello da Cultura Galega (CCG) e o concello do Barco de Valdeorras déronlle unha nova vida ao texto, cunha adaptación sonora dividida en cinco episodios que se distribúe en formato podcast. Tito Asorey foi o encargado de dirixir a ficción sonora na que participan Melania Cruz, Josito Porto e o propio Asorey, entre outros. O proxecto, que conmemora o centenario do nacemento de Olmo e o sesenta aniversario da estrea da peza, foi presentado esta mañá no concello ourensán pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o alcalde, Alfredo García; a concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta, e mais unha das actrices da ficción sonora, Melania Cruz. O primeiro dos episodios xa está dispoñible no especial homónimo no web do Consello da Cultura Galega.
A colaboración institucional permite a adaptación sonora de A Camisa, a peza teatral que retrata o drama da emigración

“O teatro uniu dúas figuras, dun lado Lauro Olmo, preocupado pola situación da realidade que lle tocou vivir, e do outro, Ramón de Valenzuela, un namorado do teatro galego que fixo gran parte da súa obra no exilio americano” asegurou Rosario Álvarez na presentación. Nela tamén destacou a colaboración institucional co concello do Barco que fixo posible un proxecto que tamén ten outros fíos: “a temática da emigración, presente na obra e na biografía do propio Lauro Olmo, a dos exilios, nos que se atopaba Valenzuela, pero tamén o da critica a situación da época, a memoria da resistencia da loita contra o franquismo”. O alcalde, Alfredo García, engadiu que “este é un ano importante para o concello do Barco de Valdeorras pola cultura e as artes, con esta celebración e tamén a de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado no Día das Letras”. Nese sentido, a concelleira Margarida Pizcueta apuntou que “Lauro Olmo é máis coñecido fóra de Galicia que dentro por iso este é un primeiro paso para dar a coñecer a súa figura no noso país”.

Xan e Lola son un matrimonio que se instala no arrabalde chabolista de Madrid coa súa familia: os seus fillos, Lolita e Agostiño, e mais a avoa, coa esperanza de prosperidade. Malia a súa camisa nova, Xan non atopa o traballo que ansiaba e nesa infrutuosa procura afloran outros temas como a marxinalidade, o paro e o alcoholismo, nunha España afogada que convidaba ao exilio. A peza dramática escrita polo valdeorrés Lauro Olmo sobre os problemas da clase baixa española dos anos sesenta foi publicada en 1960. Estreouse primeiro en Bos Aires e tivo que agardar ata 1962 para poder pasar a censura e chegar ao Teatro Goya de Madrid. Foi traducida a múltiples idiomas e obtivo diversos galardóns, entre eles o Premio Nacional de Teatro.

Un drama en cinco capítulos
Tito Asorey, da Quinta do Cuadrante, foi o encargado da adaptación sonora da historia en cinco capítulos de entre 12 e 15 minutos de duración. Non estivo presente na rolda por enfermidade pero enviou unhas notas en que afirma: “o reto era grande; en primeiro lugar, polo número de personaxes que habitan a peza de Lauro e, en segundo lugar, polo carácter realista da acción e a súa unidade de lugar, que facía que toda a acción se desenvolvese no patio de veciños dunha barriada de chabolas, con presenza de acción tanto dentro como fóra das casas. Contar ese trasfego de veciñanza nun teatro é claro polo seu carácter visual, pero contalo só co poder da palabra e dos sons requiría un especial coidado para que as sucesivas accións se clarificasen e aparecesen no imaxinario do ouvinte con claridade e pulsión dramática”.

Chus Silva foi a encargada da parte técnica da sonorización, que permitiu crear un espazo sonoro evocador. O elenco artístico está formado por Melania Cruz (Loliña, Lola), María Costas (avoa) Josito Porto (señor Paco, Ricardo), Nacho Castaño (Nacho, Sebas), Vanesa Sotelo (Muller, María), Tito Asorey (Xan, Tío Marabillas) e Davide González (Agostiño, Lolo). Rosa Moledo foi a responsable da asesoría lingüística.

A emisión dos capítulos comeza hoxe, venres 25 de marzo, desde o web do CCG e as súas redes sociais. Cada venres, emitirase un novo episodio ata o 22 abril, data en que se completa o proxecto.

Unha aposta polo teatro en galego
Na adaptación en formato podcast de A camisa xúntanse varios feitos destaacados. O primeiro deles é que se trata dun texto relevante para descubrir o drama da emigración, que sufriu o propio Lauro Olmo, xa que seu pai emigrou a Bos Aires, o que fixo que a súa familia se instalase en Madrid sendo el moi novo. Olmo está considerado un dos dramaturgos máis representativos do Realismo Social durante os anos da ditadura franquista e das primeiras décadas da democracia. Tivo grande influencia nel a súa muller, Pilar Enciso, coa que escribiu varias obras infantís. A obra literaria dos dous, así como a documentación recibida e producida por eles, custódiase no Fondo Lauro Olmo do Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música (CDAEM).
O segundo é que Ramón de Valenzuela (Silleda, 1914-Sanxenxo, 1980) é autor da tradución da que se partiu neste proxecto. O silledense representa tamén a memoria do exilio, unha das liñas de traballo do CCG para este 2022. Valenzuela foi un deses homes que contribuíron cun teatro en galego diferente, no que fixo tanto achegas actorais, como orixinais da súa propia autoría, é o caso da peza teatral As bágoas do demo, ou a tradución de textos de interese por exemplo os de Lauro Olmo ou Syngel.

Outras noticias que che poden interesar