NOTICIA

----

Belén Gopegui participa no ciclo Pensarmos que este ano afondará no concepto da normalidade

Por que nos contan o que nos contan? Este ó título co que a escritora Belén Gopegui (Madrid, 1963) participa mañá xoves (18:00 hora) no ciclo de reflexión Pensarmos, que organiza mensualmente a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG). Unha iniciativa coordinada por Carme Adán que este ano afondará no concepto da normalidade da man de recoñecidas personalidades. A sesión é presencial, pode seguirse en directo a través da rede e, por desexo da autora, non quedará na hemeroteca do CCG para futuras consultas.

“Normalidade é unha palabra usada en todas as súas variantes para atopar unha linguaxe nunha situación global moi conflitiva: primeiro unha pandemia mundial e agora mesmo unha guerra” asegura Carme Adán, coordinadora da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega que deseñou para o 2022 un programa que busca reflexionar de xeito critico sobre o que significa ser normal. “Normal non é ninguén porque tampouco o son as situacións” asegura Carme Adán que afirma “que temos unha vida máis precaria culturalmente, mentalmente, mesmo nos plano dos afectos e temos unha vulnerabilidade social que se impón a esa normalidade sobre a que cómpre reflexionar”. Para abrir boca, a Sección de Pensamento convidou á escritora madrileña Belen Gopegui, que aborda este tema nas súas novelas, anegadas de vidas precarias con dificultade de atopar traballo e poder subsistir, entre outros aspectos.

As relatoras
Belén Gopegui (Madrid, 1963) é licenciada en Dereito (UAM), doutora en Humanidades (UC3M). Publicou, entre outras, as novelas La escala de los mapas (1993), La conquista del aire (1998), Lo real (2001), El lado frío de la almohada (2004), El Padre de Blancanieves (2007), Acceso no autorizado (2011), El comité de la noche (2014), Quédate este día y esta noche conmigo (2017), a conferencia Ella pisó la Luna, ellas pisaron la Luna (2019) e unha selección dos seus ensaios titulada Rompiendo algo. En setembro de 2021 apareceu a súa última novela, Existiríamos el mar. De cando en cando escribe artigos en diversos medios.

Carme Adán é ensaísta e política galega. Presidiu a Aula Castelao de Filosofía (1997-2005). Foi secretaria xeral da Igualdade no Goberno galego (2005-2009) e presidenta da Unidade Muller e Ciencia de Galicia (2007-2009). Na VIII e IX Lexislatura foi deputada no Parlamento galego polo BNG. Publicou Feminismo e coñecemento (2003), Cartografías do derrubo (2011), Cyborg, en Barbarismos queer e outras esdrújulas (2017), “Conceptualizar la violencia contra las mujeres: ¿una reflexión epistemológica pendiente?”, na Revista Andaluza de Antropología (2018), e Feminicidio, unha nova orde patriarcal en tempos de submisión (2018). É catedrática de Filosofía no IES Politécnico de Vigo e coordina a Sección de Pensamento (CCG).

Pensarmos
En xaneiro de 2019 a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo Pensarmos, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas co obxectivo de abordar os problemas da actualidade. Posverdade, fascismos dixitais, tecnopersoas, precarización da vida, perda de liberdades, huanismo dixital… son algunhas das temáticas que se trataron no marco deste foro polo que pasaron xa unha ducia de persoas como Javier Echevarría, José María Lasalle, Fernando Broncano ou Margarita Boladeras. As intervencións están gravadas e, se os seus autores o permiten, pódense consultar desde o web institucional e a nosa canle de youtube.

Sección de Pensamento
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a Francisco Castro, Mariló Candedo, Celia Pereira, Xoán Antonio Pérez Lema, entre outros. No marco da actividade desta Sección revisouse a figura de personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx.