Unha xornada analiza o contexto histórico e cultural do 10 de marzo de 1972, orixe do día da Clase Obreira Galega

O 10 de marzo de 1972, a policía franquista segaba en Ferrol a vida de dous traballadores do estaleiro Bazán, Amador Rey e Daniel Niebla, no decurso dunha manifestación sindical, na que houbo ademais varias ducias de feridos. A protesa saldouse cun cento de detidos, 54 multados e numerosos despedimentos. Aqueles feitos conmemóranse cada 10 de marzo no Día da Clase Obreira Galega. Cincuenta anos despois, o Consello da Cultura Galega analiza o contexto histórico e o que supuxo a nivel cultural cunha xornada titulada “Ferrol, 10 de marzo de 1972: medio século despois”. A sesión é presencial pero pode seguirse a través das redes da institución.

Os feitos acontecidos en Ferrol o 10 de marzo de 1972 foron obxecto de recoñecemento e conmemoración polo movemento obreiro e as forzas democráticas, como Día da Clase Obreira Galega, que adquiriu rango oficial desde 2006. No cincuenta aniversario, esta xornada pretende render unha homenaxe ás vítimas e ás e aos protagonistas daquel movemento que, xunto da folga xeral de Vigo en setembro do mesmo ano, marcou un fito no desenvolvemento da oposición ao réxime franquista en Galicia, na loita pola recuperación das liberdades democráticas.

A xornada está programa para dar a coñecer algunhas das manifestacións culturais xurdidas ao abeiro daquel contexto. Abre cun audio conservado ao fondo do Arquivo Sonoro de Galicia que reproduce un fragmento do concerto de Benedicto e Bibiano “Ao vivo na Coruña”, que tivo lugar o 25 de xuño de 1976. Nel pode escoitarse a Bibiano cantar uns versos de Uxío Novoneyra. Tamén se poderán ver imaxes de Xurxo Lobato da mostra “Os rostros da memoria. Ferrol 1972”. Ademais, escoitarase a peza “Ferrol 1972”, con música de Juan Durán interpretada por Hércules Brass. O acto pechará cun recitado de Mabel Rivera do poema “Ferrol 72: Daniel e Amador (1972)” de Darío Xohán Cabana.

No medio destacados historiadores analizarán o contexto. Primeiro falará Xesús Alonso Montero, que reflexionará sobre o 10 de marzo de 1972. De seguido, Xosé Manoel Núñez Seixas moderará unha mesa na que participa a avogada laboralista Elvira Landín, o profesor de Historia Contemporánea da USC, Daniel Lanero, e o doutor en Historia e representante da Fundación 10 de marzo, Víctor Santidrián.
Esta actividade encádrase nunha liña estratéxica da institución prevista para este 2022 de analizar o contexto social, cultural e político previo á creación da autonomía.

Outras noticias que che poden interesar