NOTICIA

----

Unha xornada explora as posibilidades da diplomacia cultural ao abeiro da nova Lei de Acción Exterior

Cúmprese un ano da aprobación da Lei de Acción Exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia. Unha efeméride que dá pé á xornada “Axentes culturais e proxección internacional da nosa cultura”. A cita organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) busca analizar a situación actual da diplomacia cultural e a importancia que ten para a proxección e desenvolvemento exterior da nosa cultura. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, son os encargados de inaugurar esta cita presencial que tamén se pode seguir en directo a través das redes da institución.

Emilia García e José Manuel Blanco González coordinan unha cita que busca divulgar o contido da Lei 10/2021 e fomentar un diálogo sobre a súa transcendencia da internacionalización da cultura entre os axentes culturais do país.

O programa
O programa componse de tres mesas que xunta especialistas en Dereito Internacional Público das tres universidades galegas e a expertos das industrias culturais con experiencia na cooperación transnacional. A primeira das mesas abordar desde o punto de visto xurídico as novidades da lei de acción exterior no contorno europeo. Nesta mesa participan Gabriela Oanta, directora do Instituto Universitario de Estudos Europeos “Salvador de Madariaga” da Universidade da Coruña (IUEE-UdC) e Belén Sánchez Ramos, profesora de Dereito e Internacional Público e da Unión Europa na Facultade de Dereito da Universidade de Vigo. Modera a subdirectora xeral de Relacións coa UE, Eva Lorenzo Queiro.

A segunda das mesas programadas afonda na singularidade cultural no marco dos tratados internacionais e a lei de acción exterior. Emilia García, responsable de acción exterior do CCG presenta a José Manuel Blanco González, subdirector xeral de Análise e Programación da DXREUE e membro da Comisión Técnica de Relacións Institucionais e Acción Exterior (CRIAE) do CCG.

A xornada continúa pola tarde, analizando o caso concreto da cooperación televisiva. Fernando R. Ojea, secretario xeral da CIRCOM e director da Área de Contidos da CRTVG; Luiz Fernando Santoro, profesor do Departamento de Jornalismo e Editoração da ECA-USP, director e produtor de programas de TV e vídeo de Brasil, que participa por videoconferencia; José Fragoso, director de Programas da RTP1 e RTP Internacional; xunto con Alfonso Blanco “Fosco”, director xeral da produtora Portocabo e representante de AGAPI participan nesta mesa que modera Xosé Lago García, secretario de GNP-AECT
A clausura corre a cargo da presidenta, Rosario Álvarez, e de Jesús María Gamallo Aller, director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

A lei de acción exterior e o CCG
O 9 de marzo de 2021 aprobouse a Lei 10/2021 que regula a acción exterior e a cooperación para o desenvolvemento de Galicia. Converteuse nun documento relevante para trazar as liñas da proxección da nosa cultura no mundo. Ese texto tivo unha especial significación para o Consello da Cultura Galega, xa que a a disposición adicional primeira do texto faculta ao CCG como suxeito cualificado da acción exterior de Galicia na defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Así, demais de estar expresamente habilitado para asesorar as entidades públicas galegas neste ámbito, o CCG tamén pode subscribir acordos internacionais con entidades públicas que teñan obxectivos análogos, como é o caso da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa. Isto supón o recoñecemento expreso da interlocución técnica precisa con este organismo internacional e coas entidades correspondentes desa comunidade de países ou dos seus Estados membros. Ademais, pode desenvolver a súa propia acción exterior consonte a Estratexia galega de acción exterior (Egaex), tendo en conta a transterritorialidade do pobo galego e dándolles proxección ao patrimonio cultural fóra do territorio galego, á nosa lingua e á nosa cultura, competencias xa previstas na lei de creación da institución.