NOTICIA

----

Un informe constata a demanda crecente de produtos culturais en galego

“A valoración que fai a poboación galega con respecto á oferta cultural en Galicia atópase por riba do aprobado, e situase nun 6,15” conclúe o informe Oferta, demanda e prácticas culturais nos menores de 16 anos. O estudo foi elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), e presentado en rolda de prensa pola presidenta da institución, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e coordinador do Observatorio, Hakan Casares. O informe analizou os hábitos culturais da poboación galega entre a rapazada e apunta que naqueles sectores nos que escasa a oferta cultural en galego, nomeadamente cine e videoxogos, constátase un menor consumo nesta lingua. Ademais, tamén apunta que a cidadanía demanda máis oferta en practicamente todos os produtos analizados.

“O informe deixa conclusións moi positivas, como que o feito de estar en galego non retrae o consumo e que canto maior e a oferta, máis se estimula a demanda” asegurou Rosario Álvarez no marco da presentación. Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, engadiu o feito de que “é de destacar que a demanda en galego medra, aínda que tamén vimos que non é igual en todos os sectores, xa que se o do sector do libro está máis equilibrado, a oferta na nosa lingua é escasa no cine en sala e nos videoxogos” explicou.

O informe apunta que a valoración que a poboación fai da oferta cultural galega é dun 6,15. Pero a cifra baixa ata os 5,56 se eses produtos están destinados a menores de 16 anos e baixa aínda máis, ata 5,01 puntos, se a oferta está en lingua galega. A puntuación varía tamén se lle engadimos outras variables, como a da idade (os máis novos ofrecen as puntuacións máis altas), xeográfica (os datos son peores nas provincias de Lugo e Ourense), os niveis de estudo das persoas enquisadas (cando maiores son os estudos, a valoración máis baixa) e o equipamento cultural nos seus fogares ( se a casa ten libros, smart tv, pc de sobremesa ou portátil, tableta, consola... a oferta é valorada como baixa). Os autores do estudo aseguran que “a oferta é estimada máis negativamente cando esa cidadanía está máis atenta á oferta e maior coñecemento ten dela”.
Tendencias: o exemplo é clave
O estudo ve patróns claros que explican que características sociais inciden no consumo de cultura entre a mocidade. A primeira delas é a educación das persoas, que se percibe claramente na lectura de libros, asistencia a museos, exposicións e espectáculos. Pero non é o único, xa que polas cifras pode concluírse que en consumo cultural o exemplo é fundamental. “A tendencia a consumir cultura entre as e os rapaces aumenta se as persoas que conviven con eles tamén consomen cultura”, conclúe. Vese claramente na lectura pero tamén noutros hábitos, coma o de ir ao cine ou a espectáculos. Despois existen outras variables, coma o nivel de equipamento do fogar ou a lingua do contorno dos menores. “Favorece a probabilidade de asistencia ou uso dalgunha das actividades culturais pero non de todo”, asegura o estudo. Ademais, revela tamén que o nivel de renda ten unha influencia menor do que se esperaba.

Outra das tendencias claras que se aprecian dos datos é que “existe un patrón común que afecta a todos os tipos de produtos e servizos culturais analizados, que consiste en que o consumo de produtos en galego é sempre inferior ao consumo en xeral”. Música, televisión, libros, contidos audiovisuais (cine, series vídeos...) e xogos (nomeadamente videoxogos) son consumidos por practicamente a totalidade da mocidade pero con moita menos intensidade en galego. E achega diferencias significativas. Por exemplo, o 5,2% da cativada non escoita música e esa cifra medra ata o 37,4% cando se pregunta se escoitan música en galego. Pasa tamén nos xogos, o 15,2% dos enquisados aseguran non xogar nunca e a cifra é o 73,1% no momento en que se pregunta se é en galego. E en ambos casos a explicación é, segundo revela o estudo, por falta de oferta.

O informe tamén revela que a asistencia o cine é moi baixa en xeral, un 69,9%, e moito máis aínda se as proxeccións filmes están en galego: nove de cada dez aseguran non ir nunca ao cine en galego. Ese dato está directamente relacionado con outro: as salas de cine encabezan o conxunto de prácticas culturais nas que non hai oferta e nas que isto condiciona o seu consumo. Así, o informe asegura que os datos son baixos de consumo cultural en galego débese principalmente á falta de oferta no noso idioma. Os espectáculos, a música e os contidos audiovisuais son os principais produtos que a cidadanía galega que formou parte desta enquisa considera insuficientes en galego.

A lectura, os xogos, o cine, o resto de contidos audiovisuais e o teatro son, por esta orde, aqueles contidos culturais en galego para menores de 16 anos que a cidadanía entrevistada reclama como interesantes para potenciar. Gaña entre os máis novos o material multimedia e, de maneira destacada, os videoxogos.

O estudo dedica tamén unha epígrafe a analizar a vontade de agasallar en lingua galega, cuxos resultados se avanzaron parcialmente o pasado mes de decembro. En termos xerais, os datos obtidos amosan que a poboación galega ten boa disposición a agasallar contidos culturais aos menores (7,9 puntos, nunha escala de 0 a 10), e ese interese sitúase nun 7,6 se falamos de contidos culturais en lingua galega. Con todo, resulta interesante salientar que en determinados sectores da poboación (xente máis nova, estudantes e persoas que lles falan galego aos seus descendentes) o interese por regalar produtos culturais aumenta cando estes produtos están elaborados especificamente en lingua galega.

O estudo realizado polo Observatorio da Cultura Galega sobre unha mostra de 900 entrevistas telefónicas, encadra dentro das accións realizadas ao abeiro do convenio anual que manteñen o Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.