NOTICIA

----

Unha xornada afonda na relación entre música e emigración a partir da figura de García-Picos

Cúmprense cen anos do nacemento de Carlos López García-Picos (Betanzos, 1922-Oleiros, 2009) músico sobranceiro e multifacético (compositor, director de corais, dinamizador...) sempre comprometido coa causa galega. Exiliouse a Arxentina onde desenvolveu unha longa e frutífera actividade que o converteu nunha figura destacada do galeguismo. O Consello da Cultura Galega percorrerá mañá a relación entre emigración, exilio e cultura a partir da súa figura nunha xornada titulada “Perspectivas atlánticas na transculturación musical do Século XX”. A cita inclúe tamén a presentación dunha publicación coa obra para violín e violonchelo do compositor betanceiro, máis un breve concerto no que se estreará unha peza dirixida ao seu amigo Isaac Díaz Pardo. A xornada é presencial pero pode seguirse en directo a través da web e das redes do CCG.

Carlos López García-Picos integrouse plenamente na vangarda musical arxentina e aparece paralelamente como referente do galeguismo bonaerense. Igual ca moitos outros creadores musicais migrantes, transitou na disxuntiva de tradicionalismo ou vangarda. A xornada que organiza a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais abordará a súa figura pero tamén outros temas coma o asociacionismo migratorio, os coros, o asociacionismo musical, a nostalxia da terra abandonada ou os retornos a Galicia.

O programa
A xornada comeza cunha contextualización xeral dos músicos galegos na emigración americana a cargo do catedrático de Música da USC Carlos Villanueva. E continúa cunha conversa a tres entre María Fouz Moreno, María del Carmen Lorenzo Vizcaíno e Javier Ares Espiño, na que a confrontación das figuras de Isidro Maiztegui e Carlos López García-Picos porá o foco no galeguismo musical bonaerense. Despois presentarase a publicación Obras para violín e violonchelo, libro que xunta unha parte importante do seu legado inédito e que está editado por Joám Trillo.

Ao remate haberá un concerto de violonchelo e piano con obras de Carlos López García-Picos. A cargo da violonchelista Teresa Morales Diego e do pianista Javier Ares Espiño. O programa contén dúas pezas: Canto elexíaco, A. 73 “Homenaxe póstumo a Eduardo Blanco Amor” e a estrea absoluta de Bocetos sonoros, A. 105 “ao amigo e gran artista Isaac Díaz Pardo”.

Outras noticias que che poden interesar