----

O Consello da Cultura Galega e a Academia Galega de Teatro presentan as Actas do I Congreso Internacional do Teatro Galego

“Deseñando horizontes. Situación actual, orixe e planificación do futuro do teatro galego”. Este é o título da publicación que condensa as claves de futuro para as artes escénicas do noso país. O texto foi presentado en rolda de prensa esta mañá polas presidentas do Consello da Cultura Galega (CCG) e da Academia Galega de Teatro, Rosario Álvarez e Imma António, respectivamente. Canda a elas estaban Eduardo Alonso, vicepresidente da Academia e Dolores Vilavedra, secretaria do CCG e unha das coeditoras do texto que xa se pode descargar desde o web da institución.

O volume compila os relatorios do I Congreso Internacional do Teatro Galego, celebrado en Santiago de Compostela entre o 7 e o 10 de outubro de 2020. Unha cita promovida pola Academia Galega de Teatro, coa colaboración de distintas institucións galegas e estatais e con Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, como madriña de honra. “Foi un pracer colaborar no desenvolvemento deste proxecto que demostra a enorme diversidade e riqueza do noso teatro e que constitúe o punto de partida para deseñar unha estratexia”, apuntou Rosario Álvarez. Tamén recoñeceu o enorme impacto da pandemia neste sector. “O Consello da Cultura Galega, a través de informes específicos, conxunturas, documentos de traballo e outros estudos analizou como afectou a crise sanitaria a todos os sectores culturais e no que as artes escénicas foi o máis castigado” indicou.
As pautas para o futuro
“É necesario un cambio de paradigma no noso teatro e esta publicación marca a folla de ruta” explicou Imma António na presentación do texto que xunta en máis de mil páxinas as reflexións de catro días de traballo e que contén pautas para profesionais, xestores e público. A presidenta da Academia Galega de Teatro destacou que “a idea contou co apoio de todas as entidades que teñen que ver co teatro no noso país aos que lle agradezo a súa colaboración e que tamén lle dá lexitimidade”.
“As reflexións derivadas deste I Congreso Internacional representan, pois, un auténtico plan estratéxico para o futuro do Teatro Galego” apuntou Eduardo Alonso, que explicou que “a primeira delas é que as artes escénicas non son unha industria cultural e, por tanto, requiren tratamento específico. A segunda é que “o teatro, o espazo teatral, debe entenderse como un lugar de creación e non só como consumo”. E a terceira e tamén moi esencial, que existe unha “necesidade de que o teatro entre en todo o sistema educativo a todos os niveis”. Incidiu en que a relación entre o teatro e o ensino como unha forma esencial para a formación de seres sociais.
Ademais, Eduardo Alonso insistiu en que no volume se recollen aspectos necesarios para o sector. “Cómpre buscar unha fórmula xurídica diferente da Sociedade Limitada para as empresas do sector porque as compañías non son sociedades con ánimo de lucro xa que na maioría dos casos pretenden unha función social” apuntou.

<>A publicación, reflexo fiel da cita
Dolores Vilavedra, Carlos-Caetano Biscainho-Fernandez, Carlos Lorenzo e Francisco Oti son os editores desta publicación dixital que se estrutura seguido as mesmas seccións que o congreso presencial. Foi a propia Dolores Vilavedra a que se explicou o documento. A primeira titúlase “Experiencia, actualidade e modelos externos” e pretende analizar toda a experiencia acumulada ao longo de case cincuenta anos de profesión teatral avaliando aquela dende a perspectiva da utilidade desta para afrontar os desafíos da poscrise e, ao tempo, cun ollo posto en modelos alleos aínda que –por distintas razóns– próximos e ben coñecidos polo teatro galego.
“O teatro e os públicos” é o título do segundo bloque que pon o foco en aspectos relacionados coa investigación, a distribución, a circulación e a divulgación de todo o relacionado coa creación e a educación teatral, atendendo tamén á singularidade de circuítos como o de teatro de monicreques ou o teatro amador.

O terceiro bloque, “A creación e os seus procesos”, indaga en procesos non sempre visibles pero igualmente determinantes da creación teatral, como a formación, os modelos organizativos, a produción ou a programación O cuarto bloque, de carácter misceláneo, ofrece os textos das comunicacións libres.

Ademais, Vilavedra tamén destacou que a presentación contén documentos moi interesantes, coma o elaborado polo director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, que marca a perspectiva coa que o teatro público encaraba a singradura da década 2020/2030.

Contexto
O Congreso pretendía servir de recoñecemento explícito doutro gran encontro que o sector teatral celebrara en Ferrol trinta anos antes. Eduardo Alonso destacou na rolda o moito mudou o sector neste tempo “avanzouse moito, antes non había axudas das administracións, nin se sabía cales debían ser os criterios para concedelas, tampouco existía o Centro Dramático Galego, pero si había moitas ganas”. Dolores Vilavedra tamén apuntou a ese elo entre os dous congresos e incidiu nos cambios para atender a novas preocupacións sociais como “a diversidade, a multiculturalidade, a sustentabilidade... temas aos que o teatro debe atender”. Imma António tamén apuntou que esta publicación é o peche dun congreso e inicio doutro, que se fará en 2030 e que xa está en marcha.