NOTICIA

----

O director do Museo Reina Sofía afondará mañá no Consello da Cultura Galega sobre o papel dos museos

Manuel Borja-Villel, director do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, e Santiago Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) dialogarán mañá (18:00 horas) no Consello da Cultura Galega (CCG) sobre o papel dos museos a día de hoxe e a súa relación coa cidadanía. A xornada chámase “Situarnos: o poder dos museos” e está organizada polo CCG e a Fundación María José Jove (FMJJ). A cita é presencial e tamén se pode seguir en directo a través do web e das redes sociais da institución.

“Situarnos: O poder dos museos” é unha xornada na que se pretende debater cal é o papel actual dos museos e cal debe ser a súa relacion coa cidadanía. E todo iso a partir do caso concreto do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, que explicará o seu director, Manuel Borja Villel. A cita está coordinada por Susana González, comisaria e directora da colección de arte Fundación María José Jove, xunto con Encarna Lago e Agar Ledo, membros da Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega.

Diálogo presencial
A actividade destacada desta xornada concrétase no diálogo (18:00 horas) entre Manuel Borja-Villel, director do MNCARS e Santiago Olmo, director do CGAC. Serán Dolores Vilavedra, secretaria do CCG, e Susana González as encargadas de presentar esta conversa presencial que tamén se pode seguir en directo desde o web e as redes sociais do CCG.

Sesión pechada para profesionais
A xornada conta tamén cunha sesión de traballo matutina pechada a axentes do sector cultural galego e que xa ten as prazas cubertas. Nela, debaterase arredor do significado dun museo na actualidade. Este encontro está mediado por Encarna Lago e Agar Ledo e permitirá expoñer casos e analizar problemáticas particulares.