“Situarnos: O poder dos museos” é unha xornada na que se pretenden debater diferentes aspectos. Primeiro unha reflexión sobre o papel que os museos exerceron no momento da súa creación, é dicir, no inicio das políticas culturais. Segundo, abordar as novas formas de relación entre os museos e a cidadanía. E todo iso a partir do caso concreto do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, que explicará o seu director, Manuel Borja Villel. A cita está coordinada por Susana González, comisaria e directora da colección de arte Fundación María José Jove, xunto con Encarna Lago e Agar Ledo, membros da Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega.
O encontro ten dúas partes. A primeira é unha sesión de traballo matutina pechada a axentes do sector cultural galego para debater arredor do significado dun museo na actualidade. Este encontro, mediado por Encarna Lago e Agar Ledo, permitirá expoñer casos e analizar problemáticas particulares.
Dolores Vilavedra, secretaria do CCG, e Susana González, responsable da Colección de Arte da Fundación María José Jove, son as encargadas de presentar a segunda parte da cita, que consiste nun diálogo entre Manuel Borja-Villel, director do MNCARS e Santiago Olmo, director do CGAC. Esta última sesión é aberta ao público e xa se pode formalizar a inscrición a través do web do CCG.
Contexto desta cita
Esta xornada abre o ciclo titulado “As institucións do futuro. Repensar as estruturas culturais galegas" que desenvolve a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do CCG arredor da liña que chama “Cultura e sustentabilidade". É tamén o primeiro dos froitos do acordo de colaboración asinado entre o CCG e a FMJJ neste mes de xaneiro co obxectivo de facilitar a conexión entre persoas de diferentes disciplinas e ámbitos e fomentar a producción de coñecemento en relación a Galicia, á súa cultura, en xeral, e á arte contemporánea, en particular.
Ademais, encaixa co lema que o Consello Internacional de Museos (ICOM) escolleu neste 2022 para a celebración do día internacional deste tipo de centros,“O poder dos museos”. Con él preténdese reivindicar a forza, a posición e as posibilidades destes espazos á hora de desafiar os retos e as necesidades do século XXI e de construír unha sociedade libre, democrática e culta. E, por último, concorda cunha liña de traballo que o Consello da Cultura Galega realiza neste ano arredor da “Forxa da autonomía” para analizar o contexto histórico e cultural no que se forxou o inicio da autonomía galega.