NOTICIA

----

Unha xornada reflexiona sobre o estado do coleccionismo privado na arte

Por que investiron as Caixas e os Bancos en arte? Que se fai e que se podería facer para estimular fiscalmente o coleccionismo? Cal e a situación do coleccionismo privado na arte contemporánea en España? Tres destacados profesionais do sector, Carmen de la Guerra, Manuel Haro Ramos e Luis Trigo, debaten mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) estas cuestións. A cita titúlase “O coleccionismo privado da arte como soporte da cultura” e está coordinada por Manuel Quintana Martelo, coordinador da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do CCG. A cita é presencial pero pode seguirse en directo a través das redes sociais da institución.

Esta xornada insírese nunha liña de traballo da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas que busca a creación contemporánea desde diferentes puntos de vista. Neste encontro reflexionarase sobre o ámbito do coleccionismo privado en España na actualidade cunha radiografía da situación presente pero tamén da análise dos factores previos que axudaron á súa configuración actual.

Os relatores
Carmen de la Guerra realizará unha presentación baseada no seu traballo de investigación “Tipología de Coleccionismo Privado de Arte Contemporáneo en España 1977-2017. Perfiles de Coleccionistas”, propoñendo un percorrido por diferentes coleccións privadas. Esta investigación realiza unha cartografía do coleccionismo privado de arte contemporánea en España nos últimos corenta anos, un estudo que ofrece resposta ás seguintes cuestións: quen colecciona, como se colecciona, por que se colecciona, que obxectivos e futuro teñen esas colecciones e que contido e discurso artístico hai nelas. “Perfiles de Coleccionistas” conforma a armazón principal do estudo. En canto ás coleccións que se presentan como foco de estudo, categorízanse en fundacionais, bancarias, empresariais e particulares.

Manuel Haro Ramos presentará as achegas que o sistema financeiro español —caixas de aforros, bancos, banca pública e compañías aseguradoras— fixo á cultura e á arte a través das súas fundacións e obras sociais. Estas institucións forman parte do denominado “terceiro sector”. Actuaron como “novos mecenas” e foron un reflexo dunha boa práctica de colaboración entre o público e o privado, unha forma de unir esforzos. Naceron, na súa maioría, na década dos 80 do s. XX e desenvolvéronse ata a crise de 2008. Na práctica do día a día, estas fundacións e obras sociais realizaron, entre outras, accións de mecenado, coa constitución das súas coleccións de arte, e de patrocinio, como as exposicións temporais, que contribuíron e contribúen a achegar a cultura a unha gran maioría da cidadanía, axudando tanto a educar o gusto dos diferentes públicos como a romper barreiras para acercar a cultura á sociedade.

Pechará o programa a intervención de Luis Trigo, dando resposta ás seguintes cuestións vinculadas co coleccionismo privado: obxectivos e retos con relación á conservación do patrimonio artístico; obxectivos e retos verbo do dereito de todos ao acceso ao coñecemento do patrimonio artístico; obxectivos e retos no que atinxe á creación artística e ao impulso do mercado da arte; intervención pública e privada, importancia do coleccionismo privado e a súa interacción coas coleccións públicas; políticas de fomento da participación privada na atención de intereses xerais con relación á arte; marco da normativa de reguladora do mecenado estatal e autonómico, con especial referencia ao marco fiscal; propostas.