A capital de Cuba celebra anualmente desde 2016 un evento musical e cultural que pretende poñer en valor o legado medieval. No marco do programa desta edición, a Cátedra de cultura Gallega e a Facultade de Belas Artes de la Universidad de la Habana, acollen a inauguración da mostra do CCG, Afonso X e Galicia. A exposición documenta unha faceta pouco coñecida do rei Sabio e convida a coñecer a súa influencia a través de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino e tamén o esplendor da cultura galega na etapa medieval.
A exposición, que estará aberta ata o mes de abril en diferentes espazos da Facultade de Artes e Letras presenta a dimensión humana do monarca, a súa vida e conflitos persoais xunto co seu labor científico, histórico e cultural. A exposición está adaptada a este espazo, xa que se trata dunha versión máis reducida da que actualmente se pode visitar en Lugo.
A mostra presenta as grandes contradicións do Rei Sabio desde os seus grandes logros culturais, pero tamén os seus fracasos e contradicións. Amosa a biografía de quen soñou ser o grande emperador de Europa e que acabou destronado polo seu propio fillo. Nos diferentes paneis pode verse a un home ocupado na construción dunha monarquía absoluta fronte á Igrexa e a aristocracia, cunha personalidade que se posiciona entre o pobo e a divindade, que enxalza a figura de Santa María, o que lle ocasionou un grave conflito co cabido compostelá que non vía con bos ollos este culto. Ademais tamén se deixa ver a importancia da lingua no seu proxecto. Tamén se percibe como empregou a lingua castelá na chancelaría e o galego na invocación a Deus e á Virxe coa intención de relegar o latín dos clérigos nunha estratexia político-cultural. Ademais, a mostra tamén afonda na visión de universalidade do monarca no ámbito cultural, cos proxectos de tradución de/a diferentes linguas, coa súa vontade científica e coa súa concepción historiográfica.
Máis actividades do programa
A exposicióin inaugúrase no marco dun programa titulado “Confluencias medievais” que vai ser inaugurado por Alejandro Sánchez, decano da Facultade de Arte e Letras, e máis pola presidenta da Cátedra Galega, Arantxa Fernández. Abren as conferencias científicas un panel de Lingüística onde a doutora Marlen Domínguez ofrecerá un relatorio titulado “Alfonso X, el nacimiento del castellano culto”. De seguido, María del Pilar Pittaluga ofrecerá unha lectura a partir da súa tese titulada “De Camelot a Saor: la representación de Galván en la novela de Darío Xohán Cabana”.
O programa remata cun concerto didáctico de música medieval titulado “Cantigas de Santa María de Alfonso X” a cargo do grupo Ensemble Lauda.