NOTICIA

----

O Álbum de Galicia suma a entrada da poeta e dramaturga Heminia Fariña Cobián

Foi unha poeta e dramaturga de gran sona dun lado e doutro do Atlántico, cuxa obra estivo marcada pola natureza, a lingua, a paisaxe e as xentes de Galicia. Sonia Sánchez asina a biografía de Herminia Fariña Cobián (Santiago de Compostela, 1904 - Simes -Pontevedra, 1967), nova entrada do Álbum de Galicia.

Herminia Fariña tivo unha vida intensa, casou e enviuvou tres veces, foi unha autora precoz, que escribiu os seus primeiros poemas e participipou en recitais desde os quince anos. As súas primeiras obras viron a luz en A Nosa Terra, órgano de expresión d'As Irmandades da FalaE aínda que publicou un poemario en castelán, Cadencias, contou co aval de Castelao, que é o autor da ilustración da portada.

O galego convértese na única lingua poética posible no seu segundo libro, Seara. Foi publicado en maio de 1924 con portada ilustrada, esta vez, por Luis Pintos Fonseca. Contén trinta e catro composicións que cantan as lembranzas da súa infancia na cidade de Santiago de Compostela. Son pezas marcadas por un profundo diálogo do eu lírico coa natureza insondable e profunda da paisaxe galega. Tivo un éxito inmediato e gran repercusión na crítica e nos xornais. Autores como Victoriano Taibo, Ramón Cabanillas ou Antón Villar Ponte reciben a obra con entusiasmo e dedícanlle importantes eloxios que teñen continuidade nos anos seguintes, ao tempo que se suceden as publicacións a ambos os lados do Atlántico.

A súa obra foi moi ben acollida desde sempre tanto en Galicia como en Madrid. Ramón Cabanillas, Basilio Álvarez, Narciso Correal ou Pedro de Répide destacan o seu estilo e gaban en público as súas composicións. En 1925 chega o recoñecemento da Real Academia Galega que a nomea académica correspondente.

Ademais da poesía tamén promove a escrita dramática, que pronto vai ter presenza nos escenarios. Así, o 23 de marzo de 1927 estréanse no Teatro Principal de Santiago dúas obras da súa autoría: unha breve comedia en castelán titulada La marquesa de Miraflores, e o poema dramático en galego Margarida a malfadada que, en palabras de Fernando Salgado, "a converte na primeira muller que escribe teatro en galego". A máis disto, a estrea de Margarida a malfadada, na que a autora asume o rol de actriz principal, foi cualificada de "éxito colosal" polo periódico El Compostelano. Isto supuxo un auténtico estímulo para o público do momento que comeza a se interesar polo teatro en galego. A obra tivo varias reposicións en Compostela e repetiu idéntico éxito en Pontevedra e Vigo, aínda que nesta última cidade foi acompañada doutra peza teatral da súa autoría e tamén en galego: O soldado froita. O seu interese polas artes escénicas lévaa a experimentar tamén co xénero da zarzuela en galego con O avarento. A obra chegara a ser musicada polo compositor José Jané, máis nunca se estreou.

En 1929 Herminia Fariña emigra a Bos Aires. Comeza Comeza unha etapa de moita actividade pública: comparte palestras con figuras como Antonio Alonso Ríos ou Ramón Suárez Picallo; colabora en publicacións periódicas como Vida Gallega, Lar, Céltiga, Sonata Gallega, La razón ou El Mundo de Montevideo. Xa en 1931, publica Hosanna. Bajo el cielo porteño, obra na que recolle as súas experiencias na Arxentina. Regresa en 1932 e instálase en Calatayud, onde non tarda en integrarse na vida cultural, participa en diferentes actos literarios e, co tempo, funda e a revista Fortaleza. Aínda que a súa produción comeza a diminuír, segue colaborando en semanarios galegos e publica obras menores como o folleto Por España y para España. El libro del combatiente (1937), con poemas en galego e castelán.

Anos despois, instalada na casa familiar de Simes en Pontevedra retoma a escrita poética, máis non chega a editar ningún libro dos que deu rematado. Si aparecen publicadas pequenas pezas en galego dedicadas á terra como Cantiga serea (1950) ou Gabanza e prego á miña aldea (1960). Durante os años corenta e cincuenta mantivo contacto coa intelectualidade de Pontevedra e retomou as colaboracións. Escribe en Faro de Vigo, no diario compostelán La Noche, na revista Ciudad e na publicación pontevedresa Litoral. Co paso do tempo, foise desvinculando da esfera pública para se refuxiar, ata a súa morte, na aldea de Simes á que tanto tiña cantado.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.