NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega inicia o procedemento de renovación do seu plenario

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou no serán deste martes unha sesión plenaria na que iniciou o proceso de renovación da súa composición. A renovación do Pleno, máximo órgano de goberno, ten lugar por metades tanto nos membros electivos, recoñecidos polos seus méritos, como nos representativos, designados polas institucións que compoñen o CCG. O proceso iníciase hoxe e remata en abril e, a continuación, terá lugar a renovación da presidencia e comisión executiva. Na sesión tamén se presentou o balance de 2021, marcado polo fortalecemento institucional e a realización de informes de asesoría. Ao plenario asistiu o Presidente de Honra da institución, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.
O Consello da Cultura Galega inicia o procedemento de renovación do seu plenario

O Consello da Cultura Galega iniciou esta tarde o proceso de renovación do seu plenario. Tal e como fixa a lexislación que rexe a institución, a remuda terá lugar por metades. Isto suporá a entrada de novas personalidades na institución, xa que hai membros que levan dúas lexislaturas, tempo máximo de permanencia. O proceso de renovación de membros electivos (recoñecidos polos seus méritos) e representativos (designados polas entidades que, por lei, compoñen a institución) desenvolverase entre os meses de xaneiro e abril. Despois procederase á renovación da presidencia, que se realizará no mes de xullo. Cada unha das renovacións terá lugar na correspondente sesión plenaria.

Balance de 2021
En 2021 programáronse 87 actividades en interacción con públicos. O 78% das actuacións foron presenciais e o 24% tiveron lugar fóra da sede institucional, á procura da cohesión territorial que Rosario Álvarez indicou ao inicio do seu mandato.

No apartado expositivo, o CCG arrincou o ano coa mostra “Afonso X e Galicia”, que explorou a conexión galega do Rei Sabio no oitocentos aniversario no seu nacemento. A mostra, que contou coa colaboración da Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación de Lugo, inaugurouse en Santiago, desprazouse ata Ourense e rematou o ano en Lugo onde estará ata abril. Ademais, houbo 9 itinerancias doutras seis exposicións da institución. No ano 2021 editáronse 18 publicacións e continuouse na incorporación á mediateca de publicacións impresas do fondo histórico.

A asesoría segue a ocupar un papel destacado no papel da institución. Este ano realizáronse 45 informes de diferente tipo. O Observatorio da Cultura Galega analizou o impacto no sector trala COVID-19 en dous barómetros, estudou a importancia das bandas populares e publicará no mes de novembro unha nova conxuntura estatística de ámbito cultural. A nivel patrimonial, a institución acometeu o informe sobre o topónimo Ría de Ribadeo; sobre o impacto na paisaxe cultural da instalación de parques eólicos; 4 informes para a declaración de Ben de Interese Cultural (desde a Casa de Cornide, Adro Vello, a biblioteca de Pardo Bazán ata o posible traslado das estatuas mateanas do Pazo de Meirás) e 28 de impacto ambiental.

Actividade de 2022
A presidenta avanzou a actividade da institución para este ano. Unha das actividades máis destacadas terá lugar en febreiro, cando se entregue a máxima distinción que concede a institución, as Medallas do Consello da Cultura Galega, a Luis García Montero e a Helena González polo seu traballo en prol da promoción da lingua e cultura galega no exterior. Foron creadas en 2018 para recoñecer a relevancia e significación de persoas físicas que sobresaen de xeito especial nos servizos prestados ao Consello da Cultura Galega ou á cultura galega en xeral. Este recoñecemento pretende situar at importancia da diplomacia cultural e da acción exterior para o futuro da cultura galega, así como o importante peso da diáspora na conformación da imaxe da Galicia contemporánea.
Este ano poñerase o foco nos momentos previos á aprobación do Estatuto de Autonomía. Esa liña de traballo titulada “A forxa da autonomía” pretende facer análise e memoria dos diferentes sectores que transformaron a sociedade e a cultura galega nese período. Unha crónica sonora da transición en formato podcast e xornadas arredor dos inicios da industria musical son algunhas das actividades previstas. A cultura marítima é outro dos eixes sobre os que pivotará a acción do CCG, que organizará varias xornadas encamiñadas a recuperar o patrimonio inmaterial marítimo. No marco desta liña de traballo inaugurarase unha exposición que documentará as últimas viaxes transatlánticas cara ao Reino Unido. Haberá novas accións en materia de igualdade e inclusión que buscan poñer o foco no idadismo, é dicir, na actitude discriminatoria cara ás persoas atendendo á súa idade.

Neste trimestre tamén se poñerá en marcha o novo Programa de Acción Exterior elaborado pola Comisión de Relacións institucionais e Acción exterior (CRIAE) que coordina Xulio Ríos. O programa busca actuar na internacionalización da cultura galega, en atención aos dereitos culturais dos cidadáns galegos e galegas, pero tamén en proxectar a cultura galega fóra das comunidades de emigrantes.