NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega pecha o ano dedicado a Xela Arias musicando un dos seus poemas

Dis ma-ma-má é un dos poemas de Darío a Diario, libro no que Xela Arias desmitificou a idea de maternidade, que reivindicou como un exercicio de desprendemento. Sobre este poema xira o especial co que o Consello da Cultura Galega (CCG) pecha os proxectos arredor de Xela, homenaxeda neste 2021 co Día das Letras Galegas. Este produto web contén unha composición musical realizada polo músico Juanjo Cura e interpretada polo coro Gestus Vocalis do Morrazo. O especial pon a disposición da cidadanía a partitura e a interpretacion en audio e vídeo.

“Todo isto comezou cunha encarga que me fai Alberto Abal sobre Xela Arias” explica Juanjo Cura que para cumprir ese cometido comeza a ler a súa obra completa. Pronto detén a mirada nas poesías de Darío a Diario onde atopa, segundo explica, “unha autora diferente cunha interesante reflexión sobre o acto da maternidade”. Deste poemario escolleu “Dis ma-ma-má” como emprega como estribillo da súa composición, mesturado con outros poemas da obra. O resultado é unha composición para coro que hoxe se ofrece a través da súa partitura coa súa correspondente interpretación en audio e vídeo. “A idea é poñer a disposición da cidadanía unha obra para coro baseada na autora homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas xunto coa súa interpretación para que os cantantes poidan estudar a obra” asegura Juanjo Cura.

Cura é profesor en Filosofía, Sicoloxía e Ciencias da Educación, director coral e orquestal, compositor e arranxador de obras orquestais e corais, docente, pedagogo vocal, productor musical, artístico e discográfico, editor (representante de Ediciones GCC) e actor de dobraxe. Artículista y conferencista. Foi Coordinador General do Programa de Orquestas y Coros del Ministerio de Educación de la Provincia de Santa Fe, Argentina.

No proxecto participou o Coro Gestus Vocalis, do Morrazo. Contou con Carmen Pereira Vázquez e Rosa García García como sopranos; Gloria Martínez Marín e Isabel Calles Villamandos como contraltos, xunto cos tenores Manuel Fernández Juncal e Francisco Martínez Prieto; os baixos Manuel Torreira e Juanjo Cura; a solista Beatríz Riobó e o pianista Alejandro Casquero. Foi gravado na Estada, en Edisco e a realización en vídeo foi de Xosé Bocixa.

Ano Xela Arias
Con este produto musical, o Consello da Cultura Galega pon o ramo a todas as accións desenvolvidas ao longo de 2021 para dar a coñecer a figura de Xela Arias. A proposta arrincou o 4 de marzo, coincidindo co aniversario do nacemento da homenaxeada, cando se presentou un espazo web que concentraba a información e recursos propostos pola institución sobre Xela Arias. Outra das accións fixo confluír no Día da poesía os versos de Xela Arias cos das novas voces da poesía galega nun especial titulado “O equilibrio dos extremos”. A seguinte cita no calendario foi o 4 de maio, cando se presentou a edición facsimilar de “¡Non te amola!”, con estudo introdutorio de Ana Luna, profesora da Universidade de Vigo e amiga persoal de Xela. A obra, que viña acompañada de ilustracións de Bea Gregores (Vigo, 1985), é un texto narrativo no que a propia Xela ficciona a súa nenez. Con todo, a gran actividade central da institución foi o Concerto das Letras Galegas que fundeu a experimentación musical de LauraLaMontagne e PicoAmperio coa poética da escritora sarriá. Á volta do verán, presentamos na súa localidade natal “Xela e Gianni”, un especial que pasou a formato sonoro os Contos ao teléfono de Gianni Rodari que Xela e seu pai traduciran vinte e cinco anos atrás.