Unha publicación documenta a Asemblea de Melide de 1520, xuntanza que demandou máis autogoberno para Galicia

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; e o alcalde de Melide; José Manuel Pérez Penas, volveron este 4 de decembro a Melide para cumprir unha promesa que fixeron xusto un ano antes: un libro recollería, documentaría e ampliaría a importancia que tivo para a Galicia a xuntanza que outro 4 de decembro, pero de 1520, mantiveron os representantes das principais casas nobiliarias de Galicia para reclamar a El-Rei máis capacidade de autogoberno. O catedrático de Historia Moderna Pegerto Saavedra foi o coordinador do volume titulado A unha voz na metade do Reino. Cincocentos anos da Xunta de Melide que xa se pode descargar desde o web do CCG.
Unha publicación documenta a Asemblea de Melide de 1520, xuntanza que demandou máis autogoberno para Galicia

O Centro Sociocultural Mingos de Pita en Melide acolleu este sábado a presentación do volume que, en palabras da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, “ben merecen estar na nosa memoria aqueles señores de Galicia de hai quiñentos anos, que lle plantaron cara ao rei Carlos I, futuro emperador”. Ademais, agradeceu a colaboración do Museo Terra de Melide, do Concello de Melide, do Parlamento de Galicia e unha extensa nómina de persoas e institucións que permitiu lembrar aquela xuntanza “rescatala do esquecemento, traela ao presente, colocala no coñecemento colectivo, facela parte do relato histórico”. Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, destacou no acto a relevancia desta publicación que promoveu hai xusto un ano. Estaban tamén José Manuel Pérez Penas, alcalde de Melide e o coordinador da publicación, Pegerto Saavedra, e dous dos autores, Cristina Vázquez e Antonio Presedo. No acto sonou a Muiñeira de Melide e o Himno galego.

A asemblea de Melide de 1520
O 4 de decembro de 1520 representantes das principais casas nobiliarias de Galicia reuníronse en Melide para reclamar a El-Rei a recuperación do voto en Cortes para Galicia, a participación do reino nas novas oportunidades da era dos descubrimentos e a mellora das súas capacidades militares e defensivas co nomeamento dunha Capitanía Xeral. Foi un importante acto de afirmación política do Reino de Galicia que reclamaba máis capacidade de autogoberno, de xestión e oportunidades para o futuro. Este feito, que foi reivindicado en 2020 cunha serie de actos en Melide promovidos polo concello e apoiados polo Consello da Cultura Galega e o Parlamento de Galicia, conta agora cun volume científico que perpetúa a memoria desta parte da historia e dá coñecer tanto a importancia da asemblea como os problemas políticos e sociais da época en que tivo lugar, uns reducidos a Galicia e outros derivados dos descubrimentos ultramarinos e da política imperial de Carlos V.

Características do libro
O volume coordinado por Pegerto Saavedra conta co apoio de media ducia de recoñecidos historiadores (Ofelia Rey Castelao e Manuel María de Artaza, Antonio Presedo, Hortensio Sobrado, Xosé Manuel Broz, Gonzalo F. Fernández Suárez, María del Carmen Saavedra e Cristina Vázquez Neira) que botaron unha nova ollada sobre a propia asemblea e sobre o seu tempo, pois un suceso desa natureza non se entende sen ter en conta a situación pola que atravesara ou estaba atravesando o reino de Galicia no paso da época medieval á moderna e as decisivas consecuencias políticas da elección imperial do monarca Carlos de Gante e do levantamento dos comuneiros na primavera de 1520.

Está estruturado en tres bloques. O primeiro titúlase «A Xunta e os seus obxectivos» e está centrado en estudar os temas relacionados directamente coa asemblea. Nel Pegerto analiza os antecedentes e Ofelia Rey Castelao e Manuel María de Artaza as circunstancias que explican algunhas das máis significativas peticións da xuntanza e dos seus resultados.

O segundo bloque, «Os poderes señoriais e o poder real», analiza os grupos aos que pertencían os participantes na Xunta de Melide e da posterior inserción de Galicia na política imperial. Antonio Presedo aborda a traxectoria de varias das estirpes nobres que medraran desde 1379, en ocasións á sombra das grandes casas e da Igrexa, e que terán en 1520 como cabeza cabaleiros con poder recoñecido no reino. Pola súa banda, Gonzalo F. Fernández Suárez atende con preferencia as familias tituladas: a casa de Altamira, a de Lemos ou a de Andrade. Neste bloque, Domingo González Lopo tamén atede á figura de don Alonso de Fonseca III, e ao seu destacado poder na política en Galicia e na Corte. Este bloque remata cun estudo de María del Carmen Saavedra sobre as consecuencias políticas da guerra das Comunidades e os efectos que tivo para Galicia a política de Carlos V.

Pecha o libro un bloque que leva por título «O territorio», no que figura un traballo que trata de todo o reino e dous centrados na vila de Melide. No pri- meiro, Hortensio Sobrado analiza a imaxe que os forasteiros tiñan de Galicia na primeira metade do xvi, así como as escasas e de cientes vías de comunicación, a baixa densidade de poboación e a débil rede urbana, formada por cidades e vilas cun escaso número de veciños. No segundo, Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz ofrecen unha documentada estampa da vila de Melide, atendendo á orixe do burgo, ao modelo urbanístico, aos o cios e tamén a inmobles, monu- mentais ou non, desaparecidos, uns en tempos recuados, coma o castelo, outros non hai moitos anos, caso do mesón de Romay, que na década de 1980 aínda estaba ergueito, cos seus arcos medievais. E, finalmente, Xosé Manuel Broz aborda os antecedentes históricos da vila e a súa evolución urbanística prestando especial atención aos inmobles que puideron ser escenarios da Xunta, nomeadamente o convento franciscano do Sancti Spiritus, que igual que a igrexa de San Pedro, o hospital do Sancti Spiritus e diversas capelas.

Outras noticias que che poden interesar