O Consello da Cultura Galega acolleu a 17 edición da Xornada de Normalización das Escolas Católicas

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu esta mañá a Escolas Católicas, federación que reúne a 117 colexios públicos, privados e concertados de Galicia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a secretaria autonómica da entidade, Juana Otero, destacaron na inauguraron da Xornada de Normalización Lingüística a importancia desta cita que suma 17 edicións. O encontro recoñeceu entregou os premios Reboiras a dous centros de Ourense e Santiago e homenaxeou á asociación "Os raparigos" de Ferrol.
Imaxe do evento

Rosario Álvarez destacou a importancia desta cita que “se coloca no inicio do curso para preparar as accións do vindeiro ano” en referencia a Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado co Día das Letras Galegas en 2022 e do que se presentaron materiais no marco da xornada. Pola súa parte, Juana Otero reiterou a necesidade de continuar a traballar nos centros educativos para que a lingua galega ocupe o lugar que lle corresponde e valorou, especialmente, o labor dos equipos de dinamización cando se cumpren 30 anos da súa creación. Na inauguración tamén se apuntou ás cifras que alertan da perda do uso do galego na escola entre os máis novos e, sobre todo, no ámbito das extraescolares e do lecer, ao que a presidenta do CCG convidou a pensar noutras estratexias e destacou que aínda hai tempo para poñerlle remedio e reverter a situación.

Na xornada, o inspector educativo Elisardo López Varela fixo un repaso polos 30 anos da creación dos EDLG e adiantou que os equipos se verán reforzados no novo currículo. Deseguido, Dévora Álvarez Moldes, docente e directora do proxecto “As letras de Florencio”, realizou unha ampla e rigorosa aproximación á vida e obra do persoeiro ao que se lle dedican este ano as Letras Galegas. No bloque de experiencias, Patricia Rosasanta e Chelo Quintana, do colexio Carmelitas de Ourense, explicaron o proxecto que desenvolveron cos nenos de Primaria ao redor Xela Arias e centrado na figura de seu fillo. Outra das relatoras, Pepi Domínguez, compartiu algunhas das iniciativas que organizaron ao redor de Florencio para impulsar a súa candidatura como persoeiro das Letras.

Os premios e recoñecementos
Na xornada entregouse a terceira edición dos Premios Irmán Reboiras ás mellores iniciativas de fomento do galego, patrocinados por rodeira Edebé. Os proxectos gañadores son “Canta en galego”, proxecto do Colexio Divina Pastora de Ourense dirixido por Elías Piñeiro e a “Galegoteka” do Colexio San José de Cluny de Santiago, coordinado por Enma Canitrot e Esther Balboa. Ademais, rendéuselles aos “Raparigos”, asociación de gaiteiros de Ferrol con mais de 50 anos de traxectoria ininterrompida. Todos eles recibiron uns broches-gaitas de prata e unha árbore da vida.

Outras noticias que che poden interesar