NOTICIA

----

O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Sesé Mateo, poeta e activista vítima da violencia machista

Na véspera do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Álbum de Galicia incorpora a biografía de Sesé Mate (Chapela, 1965-2017) poeta e activista asasinada polo seu home. Ademais, a súa historia dá nome a un premio de xornalismo ético no tratamento da violencia machista, cuxa primeira edición se fallará este 2021. Asina a entrada Sonia Díaz Pereiro.

Sesé Mateo tivo unha vida intensa. Por amor marchou a Venezuela, onde casou, tivo dous fillos e participou en asociacións de denuncia política e movementos culturais. Ao seu regreso colaborou nas grandes movilizaciones sociais de principios de século en prol do dereito ao divorcio, ao aborto, á ocupación dos espazos públicos e ao dereito a vivir sen violencia. Participou no levantamento da fosa común na que se topaba o seu avó republicano, defendeu os dereitos das traballadoras como delegada do sindicato CIG da empresa na que traballaba, Pescanova, e era miembro da Coordinadora Feminista Donicela. Participou en escavacións arqueolóxicas e todos cantos movimentos sociais agromarona principios de século.

Denunciou a violencia de xénero e morreu a mans da súa exparella en 2017. Deixou escritos uns poemas inéditos que viron a luz no segundo aniversario da súa morte. Conforman o poemario No camiño do vento, cuxa recadación foi recibida integramente polo Fondo de Becas Soledad Cazorla Prieto, de Fundación Mujeres, que axuda ás orfas e aos orfos da violencia machista.

Froito do impulso acadado pola edición do poemario e do traballo de divulgación realizado polo fillo maior de Sesé en centros de ensino e medios de comunicación, naceu tamén o Premio Sesé Mateo de xornalismo ético no tratamento da violencia machista, cuxa primeira edición se fallará este 2021.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.