O Consello da Cultura Galega reivindica a vixencia do legado de Afonso X no 800 aniversario do seu nacemento

O vindeiro martes, 23 de novembro, cúmprense 800 anos do nacemento de Afonso X o Sabio. O Consello da Cultura Galega (CCG) presentará no propio día un volume monográfico titulado Galicia no tempo de Afonso X e colabora no simposio Alfons X el Savi i la música que terá lugar en Barcelona. Ademais, o xoves 25 inaugurará na Capela de Santa María en Lugo a exposición Afonso X e Galicia, a mostra que afonda na conexión galega do monarca que estivo en Santiago e Ourense. Todas estas actividades están encamiñadas a reivindicar a importancia do seu legado para a cultura e a historia de Galicia.

Era coñecido como o Sabio, pasou a historia como o rei de Castela entre 1252 1284, tivo unha intensa relación coa cultura galega e o seu legado permanece activo. Aproveitando a efeméride o Consello da Cultura Galega dedicou este ano a explorar a figura do monarca dentro dunha das liñas de acción institucional nomeada “Lingua, cultura e sociedade na Galicia medieval”. Na semana do seu natalicio está previsto un programa de actividades que contribúan a visibilizar e dar a coñecer o seu legado.

O vindeiro martes presentarase unha monografía coordinada por José Miguel Andrade Cernadas e Simon R. Doubleday. Leva por título Galicia no tempo de Afonso X e consiste nun volume que contextualiza cunha serie de estudos a cultura, política e sociedade galega no tempo do Rei Sabio e nela colaboran destacados especialistas a nivel internacional. Ese mesmo día terá lugar en Bacelona o simposio Alfons X el Savi i la música, que organiza o Institut d’Estudis Medievals i de l’Arxiu Occità de la Universitat Autònoma de Barcelona coa colaboración do CCG. O encontro busca afondar na dimensión musical de Afonso X. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, intervirá por videconferencia nun encontro que estudará a métrica, ao sistema de composición e oralidade, así como as funcións das cantigas no ritual litúrxico, entre outros asuntos.

O xoves chega a Lugo a mostra Afonso X e Galicia. É a terceira itinerancia dun proxecto expositivo encamiñado a dar a coñecer a conexión galega do monarca. Unha mostra que presenta unha faceta humana e o legado político e cultural. A mostra contará cun programa de visitas guiadas e un concerto coas Cantigas de Santa Maria como protagonistas.