NOTICIA

----

Unha xornada do Consello da Cultura Galega explora o legado artístico de Manuel Moldes

Manuel Moldes (Pontevedra, 1949-2017) foi un dos grandes artistas galegos dos séculos XX e XXI, fundador do grupo Atlántica e unha referencia da arte contemporánea galega. Sobre a súa traxectoria artística e persoal afonda a xornada “Moldes na memoria” que se desenvolve mañá no Consello da Cultura Galega (CCG). A cita, coordinada pola súa viúva, e presidenta da Fundación Moldes, Carme Díaz Cacheda, é presencial pero pode seguirse en directo a través do web e as redes sociais da institución.

Foi un artista que produciu obra durante máis de 50 anos, o que lle permitiu abranguer todo tipo de temáticas e discursos, dende a figuración máis arraigada na terra ata a absoluta abstracción, dando saída ás súas inquietudes persoais e sociais. Manuel Moldes foi un dos fundadores do renovador movemento artístico Atlántica.

Nesta actividade faranse unha serie de achegamentos á obra de Moldes en distintas épocas da súa pintura e como esta está imbricada co mundo da arte. O poeta e escritor Mariano Hernández de Ossorno vaino situar no contexto artístico dos anos 70.

Luis Francisco Pérez, crítico e teórico da arte contemporánea e comisario de exposicións, ofrecerá un relatorio titulado “O sofisticado e cosmopolita expresionismo vernáculo de Manuel Moldes no panorama pictórico español dos 80”. E remata a sesión de relatorios co tamén comisario de exposicións e crítico de arte Carlos López Bernárdez que afondará na idea da pintura como vivencia e sentido histórico.

Como colofón as estes relatorios haberá unha mesa redonda con todos os participantes moderada por Carmen Díaz, que tamén é a presidenta da Fundación Manuel Moldes.