NOTICIA

----

A conxuntura do Observatorio da Cultura Galega apunta cara a recuperación do sector cultural

A situación do cinema e do libro exemplifican os dous polos do que supuxo para o sector cultural a crise da COVID-19. As salas de cinema de Galicia perderon en 2020 3 millóns de espectadores, unha baixada do 71,4%, e recadáronse 17,4 millóns de euros menos. Pola contra, o sector do libro incrementou nun 34,5% o número de libros inscritos no ISBN e publicáronse en galego, 489 libros máis que en 2019, impulsado nomeadamente pola edición dixital en galego. Son datos da cuarta Conxuntura estatística do ámbito cultural. Novembro de 2021 que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), que conclúe que hai certo grado de recuperación polo número de empresas, de traballadores e porque, despois de anos de descenso, a cidadanía aumentou o seu gasto en cultura.

A cuarta conxuntura do Observatorio da Cultura Galega afirma que “aínda que se detectan signos negativos, tamén se aprecian indicadores que amosan un horizonte de recuperación polo menos para algúns dos principais subsectores que compoñen a cultura”. Segundo o documento hai recuperación pero tamén apuntan a que é lenta.

Os indicadores de recuperación
O ritmo de creación de empresas culturais no que vai de ano 2021 deixa un bo prognóstico. En 2021 creáronse 83 sociedades, o que amosa que se recuperaron os niveis de 2019 en que se contabilizaron 81 empresas novas. Son Pontevedra e Coruña as provincias nas que se rexistra un maior incremento. Con todo, o ritmo de creación das sociedades de ámbito cultural segue a estar po debaixo do conxunto de empresas, segundo os datos consultados do BORME (Boletín Oficial do Rexistro Mercantil).

Outro dos indicadores positivos é o dato de emprego en cultura. Hoxe contabilízanse 36.200 traballadores e traballadoras. Son 700 máis que en anos anteriores. Tamén son positiva as cifras de afiliacións á seguridade social. Segundo o documento os servizos da información (+11%), actividades de bibliotecas, arquivos, museos e outras actividades culturais (+8,1%) encabezan as cifras máis altas, seguidas de actividades relacionadas coa audiovisual, actividades creativas e espectáculos, con incrementos do 3,8 e 3,3 respectivamente. Son a das artes gráficas e reprodución de soportes gravados os que descenderon (-6+,2%).

Polo demais, a conxuntura tamén asegura que baixaron as exportacións (21,4%) e importacións (-6%) de produtos culturais entre 2020 e 2021 pero, en calquera caso, o comercio exterior do conxunto das actividades culturais é escasa.

Por último, o gran dato positivo foi o incremento do gasto en cultura nos fogares galegos. O informe destaca que “despois de anos de descensos, o galegos e galegas incrementaron en 2020 o gasto nos produtos e servicios culturais”. Primeiro, gastouse máis en equipos de imaxe, son e datos, onde se rexistraron subas superiores ao 50% entre 2019 e 2020. Segundo, gastouse máis en libros (un 37,1% máis), e en artigos de prensa (18,4%). Iso sí, como é lóxico por mor dos confinamentos e peches de infraestruturas baixou case á metade o gasto en espectáculos e museos (45,5%).

Libro e cinema, cara e cruz da mesma moeda
A conxuntura pon en evidencia a difícil situación para o sector do cinema. En 2020 exhibíronse 445 longametraxes nas 175 salas e 37 cines galegos. É un 23,5% menos en 2019. O peche das salas de cine deixa 3 millóns de espectadores menos, o que supón unha caída interanual dun 71,4%, que está na mesma liña de caída do conxunto do estado (cunha baixada dun 74.3%). A baixa de espectadores correspóndese co descenso de recadación. En 2020 recadáronse 17,4 millóns de euros menos ca en 20198. É un 72,2% do caso galego (en España a cifra é dun 73,8%).
No outro polo está a edición de libros. En 2020 en Galicia contabilízanse 144 editores, 7 máis que no ano anterior. O número de libros inscritos no ISBN en 2020 incrementouse nun 34,5% con respecto a 2019 e supón un 3.5% do total de España. En total editáronse 2.759, un 71,7% en papel, un 99% foron primeiras edicións e un 9,9% foron traducións. Predominaron os de ciencias sociais e humanidades (28,5%&), seguidos dos de creación literaria (23,6%) e libros de texto (21,6%). En 2020 editáronse en galego 1,743 libros, 489 máis que no ano anterior, e foi un ano especialmente destacado para a edición dixital en galego.