NOTICIA

----

A biografía da ilustradora Lolita Díaz Baliño incorpórase ao Álbum de Galicia

“Lolita Diaz Baliño vivirá e reflectirá a modernidade, pero tamén soportará o peso dunha sociedade na que ser artista e muller pasaba por cumprir as demandas da arte máis conservadora ou, por suposto, dedicarse á docencia, como aconteceu no seu caso” así sintetiza a comisaria Rosario Sarmiento o perfil da ilustradora, debuxante e acuarelista Lolita Díaz Baliño (A Coruña, 1905-1963). A súa entrada acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia, proxecto dixital que xunta biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos da cultura galega.

Lolita Díaz Baliño foi unha destacada ilustradora, acuarelista e debuxante cuxa traxectoria profesional estivo moi marcada pola súa condición de muller pero tamén pola Guerra Civil e a súa represión posterior. A vinculación co mundo da arte vénlle de familia, xa que pertenceu a unha ampla saga de artistas na que destacou Camilo, o irmán maior. Asegura Rosario Sarmiento na entrada do Álbum que o maxisterio de Camilo foi fundamental na construción do mundo creativo da ilustradora. “Lolita Diaz Baliño vivirá e reflectirá a modernidade, pero tamén soportará o peso dunha sociedade na que ser artista e muller pasaba por cumprir as demandas da arte máis conservadora ou, por suposto, dedicarse á docencia, como aconteceu no seu caso” explica a comisaria Rosario Sarmiento na entrada que elaborou sobre esta muller, recoñecida en 2021 co Día da Ilustración.
Publicou os seus primeiros debuxos na revista Mariñana. Son personaxes femininas cun inequívoco aire folclorista e costumista, pero que xa vai aderezar e sofisticar cun aceno de modernidade. Unha liña que continúa coa revista Céltiga. É na publicación Galicia e Galicia Gráfica cando publicará numerosas ilustracións, nas que perfila un novo modelo de muller: activa, traballadora, deportista, mundana... “En todas elas recrea unha muller idílica e sofisticada, de silueta estilizada e cabelos curtos, vestida á moda, con sombreiros e vestidos de aire oriental. Son mulleres que aspiraban a ser donas do seu destino, plasmadas cun debuxo sinxelo pero dinámico e preciso. Serán as mesmas que protagonizarán as súas sorprendentes colaxes, debuxos e acuarelas, nas que amosa un extraordinario dominio da cor e do debuxo. O mundo oriental, o mundo das fadas e dos soños, converteranse en temática recorrente protagonizada por figuras femininas: sensuais, con cabelos ou roupaxes flamexantes e de gran riqueza decorativa” apunta a súa entrada.
O golpe de estado e a represión posterior, mais o asasinato do seu irmán Camilo marcaron a súa traxectoria posterior. Desde a fin da guerra Lolita vaise dedicar fundamentalmente á docencia, compaxinando o traballo na Escola de Artes e Oficios da Coruña coas clases no seu estudio coruñés, onde se formarán moitas alumnas e alumnos de diferentes xeracións.
En 1938 ingresa como académica de número na Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario. Na mesma data ingresará tamén Carmen Corredoyra, converténdose así nas primeiras mulleres en formar parte desta institución.

Só realizou unha exposición individual en vida, foi en 1951 na Coruña, cidade na que morreu en 1963.

A súa entrada está acompañada de varios audiovisuais que axudan a entender a relevancia da súa figura así como o seu legado artístico.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.