NOTICIA

----

Jaume Alonso-Cuevillas falará mañá no ciclo Pensarmos sobre noticias falsas e xuízos paralelos

O xurista, avogado e político Jaume Alonso-Cuevillas (Barcelona, 1961) participa mañá (18:00 horas) no ciclo Pensarmos, iniciativa da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG). Alonso-Cuevillas é, entre moitos outros postos, exdeputado do Parlament de Catalunya, e ofrecerá un relatorio titulado “Proceso xudicial, fake news e xuízos paralelos: unha visión dende Catalunya”. O avogado Xoán Antón Perez Lema será o encargado de dialogar con Alonso-Cuevillas no marco deste formato de reflexión coordinado por Carme Adán. A xornada é presencial, precisa inscrición previa e pode seguirse en directo desde o web do CCG e as súas redes sociais.

O ciclo Pensarmos regresa despois do verán cunha figura recoñecida como é Jaume Alonso-Cuevillas. É xurista, avogado, economista e político español. É profesor de Dereito procesal na Universidad de Barcelona, foi decano do Colexio de Abogados de Barcelona (1997-2005), presidente do Consello da avogacía catalá (1999-2000) e presidente da Federación Europea da Asociación de Avogados (2007-2008). Autor de numerosas publicacións sobre temas de dereito procesual, dereito concursal e organización da xustiza, é colaborador habitual en diversos medios de comunicación, escritos e audiovisuais.

A contar mentiras
Pensarmos dedica este ano 2021 a falar sobre un concepto tan filosófico como é o da verdade, pero enfocado ao que hai no fondo, a saber como se constrúen as mentiras en distintos ámbitos. A construción deses discursos falsos, a súa difusión e a permanencia en ámbitos tan dispares como o amor, a xustiza ou a ciencia é sobre o que falarán, a modo de diálogo, os diferentes participantes.
O ciclo comezou coa científica Eulalia Pérez, que falou das mentiras na ciencia. Despois foi o escritor Luisgé Martín quen abordou este concepto desde o amor e a literatura. A xuíza Garbiñe Biurrum falou das mentiras da xustiza e Brigitte Vasallo na linguaxe.

Pensarmos
En xaneiro de 2019 a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo Pensarmos, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas co obxectivo de abordar os problemas da actualidade. Posverdade, fascismos dixitais, tecnopersoas, precarización da vida, perda de liberdades, humanismo dixital… son algunhas das temáticas que se trataron no marco deste foro, polo que pasaron máis dunha ducia de persoas como Javier Echevarría, José María Lasalle, Fernando Broncano ou Margarita Boladeras. Todas as intervencións foron gravadas e pódense consultar desde o web institucional e a nosa canle de youtube.

Sección de Pensamento
Este ciclo está organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a Nieves Herrero, Marta Lois, Mariló Candedo, Francisco Castro, Xoan Antonio Pérez Lema, Juan Tallón, Luisa Martínez e Ramón Máiz. No marco da actividade desta Sección revisouse a figura de personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus, Karl Marx ou Hannah Arendt.