NOTICIA

----

Aberta a inscrición da xornada que analiza o patrimonio do ferrocarril

Estamos no Ano Europeo do Ferrocarril. Unha celebración que pretende concienciar no uso deste medio de transporte e á que se lle suma outra efeméride: neste 2021 cúmprense 140 anos da chegada do ferrocarril a Galicia. Con este motivo, o Consello da Cultura Galega (CCG) propón, para o vindeiro día 8 de setembro en Santiago, unha xornada que pretende poñer o foco na relevancia histórica deste medio de transporte e nas súas consecuencias para Galicia desde diferentes puntos de vista. Destacados especialistas participan nesta cita titulada “O patrimonio industrial ferroviario no Ano Europeo do Ferrocarril” que abre hoxe o seu prazo de inscrición a través do web do CCG.

En diferentes cidades e vilas de Galicia é doado atopar asociacións de “amigos” do Ferrocarril que se ocupan de manter a memoria do que supuxo a súa construción. Foron obras públicas de extrema complexidade que nalgúns casos custaron moitas vidas e se converteron en referentes á hora de intervir en territorios xeograficamente complicados. Con todo, segue pendente a abordaxe definitiva e homologada de espazos museísticos e centros de interpretación que cubran a importancia deste medio de transporte para Galicia. Sobre estes asuntos falarán diferentes especialistas como os profesores Xosé M. Núñez Seixas e Xosé Ramón Veiga Alonso que ofrecerán a perspectiva histórica e os retos que quedan por acometer.

Ademais, outros especialistas abordarán a perspectiva do asociacionismo e actividades culturais en diferentes territorios. Unha perspectiva que ofrecen o ilustrador, escritor e divulgador, Francisco Boluda e a arqueóloga Nieves Amado.

Na sesión da tarde falarase tamén do papel dos museos do ferrocarril. A xornalista, política e escritora María Xosé Porteiro, membro tamén da Comisión Executiva do CCG e exdirectora do Museo do FC-Delicias e da Comunicación da Fundación de los Ferrocarriles Españoles, será a coordinadora dunha mesa na que participan Carlos Abellán, exdirector do Museo do Ferrocarril de Madrid; Luís Blanco Gómez, director do Museo do Ferrocarril de Galicia e Javier Fernández López, director do Museo do Ferrocarril de Asturias.

O programa inclúe tamén diferentes actividades culturais. Unha delas é a proxección do documental Carrilanos: os túneles dun tempo. Que presenta e comenta o seu autor, Rafael Cid, director de TVE-Galicia. E outra é o recitado do poema “Na chegada a Ourense da primeira locomotora” a cargo de nenas e nenos de Celanova, coa colaboración da Fundación Manuel Curros Enríquez.