NOTICIA

----

Unha xornada do Consello da Cultura Galega reflexiona sobre os usos dos espazos vencellados ao franquismo

A Casa Cornide na Coruña, a illa de San Simón e o Pazo de Meirás son algúns dos lugares en que está presente a sombra da ditadura franquista, da súa represión e das súas vítimas. Non todos permaneceron igual, algúns foron esquecidos e outros resignificados; con todo, cómpre unha reflexión de conxunto sobre estes espazos. Isto é o que se propón na xornada “Que facer cos lugares de memoria do franquismo?” que o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza o vindeiro xoves 15 de xullo en Sada. O vicepresidente do CCG e coordinador deste encontro, Xosé M. Núñez Seixas, e o alcalde de Sada, Benito Portela, son os encargados de inaugurar esta cita que conta coa participación de Montse Fajardo, Emilio Grandío ou Dionisio Pereira, entre outros destacados especialistas.

Non todos os lugares vencellados ao franquismo chegaron ata o presente da mesma maneira. Algúns deles adquiriron unha nova dimensión, mentres que outros permanecen no semiesquecemento. A cita busca pensar sobre a cuestión da permanencia de lugares de memoria vencellados á ditadura franquista en Galicia, tanto dos espazos físicos como dos movementos sociais que se produciron. Unha reflexión que está totalmente vixente tras a recente batalla xudicial polo Pazo de Meirás, que deixa un ronsel de varios anos de reivindicación social e da intervención das institucións galegas e españolas na procura da titularidade pública do ben.

A cita está organizada polo Consello da Cultura Galega e conta coa colaboración do Concello e Sada e coa Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo.

O programa
O coordinador do programa, Xosé M. Núñez Seixas, senta o debate no contexto amplo cun relatorio titulado “Roteiros da memoria europea: do antifascismo á herdanza colonial”. Despois, diferentes especialistas abordarán casos concretos. A xornalista e escritora Montse Fajardo falará da illa de San Simón e o historiador Emilio Grandío Seoane farao de Meirás e da Casa Cornide, dous exemplos da disputada herdanza dos Franco. Xa pola tarde, o historiador Dionisio Pereira abordará os movementos sociais alternativos da Galicia de anteguerra. A xornada conclúe coa mesa redonda titulada “Lugares de memoria do franquismo en Galicia”, que coordina Carlos Babío e na que participan Aldara Cidrás, Manuel Pérez Lorenzo e Raúl Soutelo.