Son máis que agrupacións musicais. Forman parte da historia musical do país e son o berce de grandes compositores, ademais de ter un destacado papel na dinamización social, cultural e tamén formativa do país. O informe “As bandas de música populares en Galicia”, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega coa colaboración da Federación Galega de Bandas de Música Populares, radiografou as bandas asociadas nesta agrupación. Son preto dun centenar de formacións, cunha antigüidade que rolda os 61 anos, concentran 7.100 persoas e contan cunha media de 85 socios. Fináncianse principalmente a través dos ingresos por actuacións e subvencións públicas. O 9,8% das bandas de música recibe ingresos superiores a 80.000 euros, aínda que a maior parte delas, o 63,4%, obtén ingresos de ata 30.000 euros.
O estudo traza unha foto fixa moi precisa das bandas, que ofrecen as súas actuacións na súa contorna local (o 90%) e noutros concellos da mesma provincia (o 50%). Só o 2,4% realiza concertos fóra de Galicia e só o 3,5% fóra de España. Actúan principalmente en prazas e recintos ao aire libre, a asistencia media aos concertos é entre 50 e 100 persoas e a maior parte do seu público ten máis de 65 anos.
A importancia formativa
Unha das características máis destacadas deste tipo de formacións é o vínculo que teñen coa parte formativa. En Galicia hai 5 escolas de música de titularidade pública por cada 100.000 habitantes; é xusto o dobre da media de España. O informe tamén pon de relevo que no curso 2019-2020 se matricularon en Galicia 18.408 persoas en centros de titularidade pública de ensino de música, dos cales o 60% estudou en escolas de música de ensinanzas non regradas. É neste contexto de ensino onde se encadran as bandas de músicas. Moitas están constituídas como asociacións e o 71,4% teñen as súas propias escolas de música.
En xeral as bandas estudadas valoran positivamente o funcionamento das escolas de música, sobre todo nos aspectos relativos aos recursos humanos e ao nivel formativo. Para o 90,8% delas a atención do profesorado obtén unha valoración positiva, ao igual que a calidade da formación e da escola e a ratio entre profesorado/alumno. Os métodos do ensino, a xestión da escola, a realización de actividades, a organización xeral e a flexibilidade de horarios tamén son avaliados de xeito notable por máis do 70% das bandas de música. O aspecto máis cuestionado do informe é o que ten que ver coas instalacións, xa que o 28,8% cre que son malas ou regulares. Unha valoración similar á dispoñibilidade de instrumentos cos que conta o alumnado. Neste senso, o informe tamén revela que “o 68,4% [das escolas] non ten equipo de gravación, un 64,1% carece de vehículo de transporte propio, un 55% non dispón de cabinas de estudo e un 35% non conta con auditorio. O arquivo de partituras ten unha calidade media para un 43,8%”.
Alén da dimensión sociocultural, as bandas amosan tamén unha dimensión profesional. A maioría das asociacións en que están integradas as bandas de música contan con persoal contratado, concretamente o 83,5%. O 40,6% teñen ata 5 persoas contratadas e o cadro de persoal do 24,6% está formado por entre 11 e 15 persoas. Os postos de traballo máis ocupados son os de director da banda (67,1%) ou o do profesorado (55,3%).
O impacto da COVID
Un dos aspectos tratados neste informe foi a repercusión da pandemia na actividade habitual das bandas. Con respecto aos aspectos laborais, adoptáronse medidas como o teletraballo para o persoal nun 61,2% dos casos e aplicaron un ERTE un 40% das entidades. Só o 2,4% destas formacións mantivo os ingresos, mentres que o resto o minguou por mor da cancelación de actuacións (89% dos casos), baixada do alumnado nas escolas e redución das subvencións (37% dos casos). Tamén lle afectou á asistencia, xa que o informe explica que o 31,8% do público habitual dos concertos deixou de asistir por medo aos contaxios ou inseguridade.
A xornada
O informe publícase con carácter previo a unha xornada que terá lugar mañá xoves. Está organizada pola Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais e artéllase arredor de dúas entrevistas en profundidade a figuras de referencia do sector, a caergo de senllas investigadoras especializadas na historia da música galega. Na primeira delas, Beatriz Cancela Montes entrevista a José Iglesias Ramilo e ofrecerán unha visión panorámica da evolución das bandas. Partirase do período da Transición, no que estas se reinventan e adaptan á nova realidade social e cultural, co que isto supón: unha nova estética, a expansión das bandas no ámbito escolar, a integración da muller e da mocidade, novos repertorios que dean entrada a compositores galegos etc. Esta conversa permitirá recuperar a memoria das bandas como pezas senlleiras da nosa identidade social e cultural, ao tempo que homenaxeamos a memoria dos que fixeron posible a supervivencia e desenvolvemento ata os nosos días dun fenómeno cultural de tanto arraigamento na nosa tradición. A segunda das entrevistas é a que Beatriz Busto realizará a Javier Viceiro e nela falarase da situación actual e retos de futuro. Ao fío do informe aproveitarase para reflexionar sobre os retos que debe afrontar o sector, tanto a curto prazo (por mor da COVID) coma para manter a súa singularidade no futuro.