NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega dedica mañá unha xornada a reflexionar sobre a vulnerabilidade

A pandemia puxo en evidencia que hai suxeitos, situacións e colectivos máis vulnerables ca outros. Investigadoras dos ámbitos da saúde e do coidado das mulleres, da teoría feminista e da filosofía, reflexionarán mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) sobre a vulnerabilidade nunha xornada titulada “A vulnerabilidade na encrucillada. Pensadoras contemporáneas e experiencias no ámbito sanitario”. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugura esta xornada organizada por Carme Adán e María Xosé Agra. As prazas están esgotadas pero pode seguirse en directo a través do web e as redes sociais da institución.

Fina Birulés é investigadora do Seminari Filosofia i Gènere-ADHUC e do Proxecto “Vulnerabilidade no pensamento filosófico feminino" da Universitat de Barcelona, mañá intervirá por videoconferencia para ofrecer un relatorio titulado “Pensar a vulnerabilidade e a violencia coas filósofas”. Dese mesmo seminario, chega Josefina Goberna que abordará a vulnerabilidade e a resiliencia no momento do parto. Unha situación que coñece ben porque é profesora do Departamento de Enfermaría da Saúde Pública, Saúde Mental e Maternoinfantil da Universitat de Barcelona

María Jesús Movilla Fernández, profesora na Facultade de Enfermaría e Podoloxía da Universidade da Coruña e vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, titula a súa “Investigación en coidados nun contexto de vulnerabilidade: unha mirada dende a práctica”.

Pola tarde, Carme Adán modera unha sesión de relatorios e diálogos interdisciplinares sobre formas de violencia e vulnerabilidade contemporáneas. Nela participan Silvia Costa, doutora en Enfermaría, licenciada en Antropoloxía Social e Cultural e profesora titular en Enfermaría na Universitat de Barcelona; Gemma Cazorla, matrona do Hospital Parc Taulí de Sabadell e profesora asociada da Universitat de Barcelona; e Elena Laurenzi [videoconferencia], profesora de Historia do Pensamento Político da Universitá del Salento (Italia).

Sección de Pensamento
Esta xornada está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a Mariló Candedo, Francisco Castro, Nieves Herrero e Marta Lois, entre moitos outros. No marco da actividade desta Sección revisouse a figura de personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus, Karl Marx ou Hannah Arendt. No marco da súa programación organizan o ciclo “Pensamos” que cada cuarto xoves de mes convida a pensar sobre un tema de actualidade.