NOTICIA

----

Ramón Villares presenta no Consello da Cultura Galega o libro que axuda a entender a Galicia actual

“É un libro importante para coñecer a Galicia do Século XX pero tamen é un libro destacado para coñecer mellor o que é o Consello da Cultura Galega” asegurou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) na presentación de “Cultura e política na Galicia do século XX”, o último libro do historiador e expresidente da institución, Ramón Villares. O texto, que ve a luz da man da Editorial Galaxia, analiza as relación entre cultura e política na construcción de Galicia como nación cultural no século XX. A presentación contou tamén coa asistencia do editor Francisco Castro e do politólogo Ramón Máiz.
Ramón Villares presenta no Consello da Cultura Galega o libro que axuda a entender a Galicia actual

“Cultura e política na Galicia do século XX” é o título do último libro de Ramón Villares que afirmou na presentación “ten parte de biografía intelectual e parte de executoria institucional”. Aquí hai un diálogo entre a visión do historiador e como xestor no CCG e doutras institucións que o obrigaron a ver “as dúas caras da lúa”. O resultado final é, en palabras do autor, un texto “tentativo, provocador e consolidador de ideas que está cheo de futuro coa disculpa pasada”.

Villares parte de epístolas e doutras fontes para reconstruír o relato da historia recente do país en clave cultural e política. Son doce textos, moitos deles publicados previamente na revista “Grial”, que ofrece un libro reticular no que se describen algunhas biografías de figuras destacadas da cultura, a historia da fundación de grupos e institucións culturais. Pivota sobre dúas premisas: a idea de pluralidade da cultura e a relevancia da Galicia exterior. O politólogo Ramón Máiz apuntou na presentación que a publicación “ofrece moita novidade na perspectiva historiográfica” e que “convida a reflexionar sobre diferentes conflitos e lonxe de calquera homoxeneidade e calquera ortodoxia”.

O libro dedica un capítulo concreto a analizar a xénese do Consello da Cultura Galega sobre “o que corren tantas lendas urbanas e no están os pros e contras que se deron no propio proceso de construción desta institución” asegurou Villares.