NOTICIA

----

O Foro Patrimonio e Sociedade remata solicitando a creación dun Observatorio de Educación Patrimonial

Hoxe rematou no Consello da Cultura Galega (CCG) o “Foro Patrimonio e Sociedade”, espazo de reflexión e debate sobre a situación do patrimonio en Galicia. Rebeca Blanco-Rotea e Juan Monterroso foron os encargados de expor as conclusións da Mesa 3 deste Foro que se centraba na relación entre educación, formación e cidadanía. Na súa intervención destacaron o traballo feito por todas as asociacións e entidades en defensa do patrimonio e propuxeron a creación dun Observatorio de Educación Patrimonial que documente o que se fai nesta materia en Galicia e dun Plan de Educación Patrimonial de Galicia orientado á formación patrimonial estratéxica ao longo da vida. Todas as intervencións se sistematizarán e integrarán no documento final que se presentará no verán e que terá forma dunha guía práctica. Os relatorios foron gravados e están a disposición da cidadanía no web do CCG.

“É fundamental recoñecer o traballo de asociacións e colectivos que estiveron na primeira liña da defensa do patrimonio” asegurou Rebeca Blanco-Rotea na súa dobre condición de coordinadora do Foro e da Mesa 3. Esta mesa, tamén coordinada por Juan Monterroso, levaba por título Patrimonio, educación, formación e cidadanía. Na súa intervención conxunta, Blanco-Rotea e Monterroso expuxeron a metodoloxía e resultados das xuntanzas mantidas presencial e telematicamente durante ano e medio. Un traballo que, en palabras da especialista en educación patrimonial Olaia Fontal constitúen as bases para desenvolver un Plan de Educación Patrimonial autonómico e só falta a vontade política para levalo a cabo. Ademais, instou á creación dun Observatorio de Educación Patrimonial que se encargue de documentar e rexistrar todas as actuacións nesta materia. Ademais, apuntou que o traballo realizado amosa que Galicia está na vangarda da educación e socialización do patrimonio.

Nas conclusións provisionais desta Mesa destacáronse tamén outros aspectos como a necesidade de acrecentar unha participación proactiva da sociedade.

Durante tres días especialistas de diferentes ámbitos disciplinares e profesionais foron explicando a orixinal metodoloxía e as diferentes propostas que se integrarán no documento final, que estará listo para o mes de xullo. A creación dunha comisión parlamentaria en materia de patrimonio; un cambio de paradigma no concepto de patrimonio, de obxecto a vínculo; a conciliación da economía e a protección de patrimonio; a dotación de recursos para as desenvolver as ferramentas xa fixadas pola lei de patrimonio; o equilibrio entre as diferentes normas ou a creación dunha rede de centros comarcais que funcione para asesorar e apoiar a cidadanía nos procedementos con actuacións nestas cuestións, son algunhas das medidas os preto de corenta partipantes no Foro expuxeron ao longo destes días.

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Esta cita é a punta do iceberg dun formato de traballo pioneiro, que se artellou en tres mesas de debate e que viu alterado o seu calendario por mor da pandemia. Presentouse o Día do Patrimonio de 2019, coa intención de concluír na mesma data pero de 2020, pero tivo que ser reorganizado. A maior parte do traballo desenvolveuse de maneira pechada, nunha metodoloxía inédita que permitiu xuntar a preto de corenta persoas que chegan de ámbitos diferentes en relación co patrimonio. O Foro Patrimonio e Sociedade é tamén unha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. Rebeca Blanco-Rotea coordina esta Sección, integrada por profesionais como Carlos Amoedo, Cristina Sánchez-Carretero, Iago Seara ou Rosa Benavides.