NOTICIA

----

Unha xornada do Consello da Cultura Galega expón os resultados de ano e medio de traballo en materia de patrimonio

En novembro de 2019 o Consello da Cultura Galega (CCG) puxo en marcha o “Foro Patrimonio e Sociedade”, un formato pioneiro que recolleu as inquedanzas, reflexións e propostas de todos os axentes implicados na súa xestión. Este proxecto, coordinado por Rebeca Blanco-Rotea, entra agora na súa recta final cunha xornada homónima que terá lugar entre 19 e o 21 de abril. Durante tres días organizaranse sesións en directo abertas ao público a través do web da institución coa intención de recoller o debate social e incorporalo no documento final que marcará o futuro da xestión patrimonial en Galicia.

“Esta cita marca un fito a nivel metodolóxico, tanto pola cantidade de participantes de diferentes ámbitos como por todo o proceso” explica Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora dunha cita que buscou desde o primeiro momento a integración de todas as voces implicadas na xestión do patrimonio, pero tamén da sociedade. “Quixemos poñer o foco na sociedade e non só na opinión dos expertos, para que todo parta e reverta na cidadanía” aclara. Por iso buscaron un modelo participativo, moi rigoroso metodoloxicamente e moi constante. A xornada, que se desenvolverá entre o 19 e o 21 de abril, pretende poñer de manifesto o resultado de ano e medio de traballo e facer unha posta en común pública.
Unha xornada pública
Como o Foro do Patrimonio se dividía en tres mesas temáticas, a xornada conta con tres sesións, unha para cada mesa. Ademais, cada día repítese a mesma estrutura: unha conferencia marco a cargo dun especialista nesa materia e que pode achegar a súa experiencia, a presentación das conclusións de cada mesa do traballo realizado no último ano e medio e un debate posterior. Todos os relatorios se poden seguir no web da institución e da canle de Youtube, a través da que se poden facer preguntas e participar no debate. Pola tarde haberá mesas de traballo pechadas ao público para sistematizar os resultados. As achegas deste encontro público incorporaranse ao documento final, que estará listo no verán.

Un foro pioneiro
Esta cita é a punta do iceberg dun formato de traballo pioneiro, que se artellou en tres mesas de debate e que viu alterado o seu calendario por mor da pandemia. Deuse a coñecer o Día do Patrimonio de 2019, coa intención de presentar o documento final no Día do Patrimonio de 2020. Reorganizado no calendario por mor da situación sanitaria, respectouse a estrutura de cada mesa de debate.
Os participantes de cada unha das mesas abrangueron os diferentes tipo de entidades e institucións ou colectivos relacionados co patrimonio, é dicir, universidades, academias, administracións, asociacións culturais, industrias culturais, profesionais liberais...
Ademais, o foro estaba organizado de tal xeito que nel teñen cabida todos os aspectos que están, directa ou indirectamente, relacionados co patrimonio. A primeira mesa chámase “Patrimonio, políticas públicas e normativa legal” e conta coa coordinación de Teresa Nieto e Cristina Sánchez Carretero. Esta primeira sesión pretende analizar como a conservación do patrimonio cultural pode ser parte das políticas públicas que a deben integrar e como romper coas políticas defensivas do patrimonio e contra o patrimonio.

A segunda mesa titúlase “Xestión patrimonial: conservación, protección e promoción-difusión do patrimonio cultural”. Iago Seara e Carlos Nárdiz serán os seus responsables. Nesta ocasión achégase a cada ben patrimonial desde unha perspectiva integradora que atende a todos os aspectos da cadea de valor (conservación, protección ou difusión). Ademais, tamén se analizará se se está atendendo de maneira igualitaria aos diferentes tipos de patrimonio ou se existen preferencias, se se prima, por exemplo, o patrimonio monumental sobre o identitario.

A terceira mesa ten como título “Patrimonio, educación, formación e cidadanía” e estará coordinada por Rebeca Blanco-Rotea e Juan Monterroso. Nesta ocasión preténdese reforzar a vinculación entre o patrimonio e a sociedade a través de temáticas como o patrimonio nas escolas, a formación regrada e non regrada arredor do patrimonio, o papel da cidadanía na xestión patrimonial, a cidadanía e a xestión da memoria compartida, entre outros asuntos.

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Esta xornada insírese nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. Rebeca Blanco-Rotea coordina esta Sección, integrada por profesionais como Teresa Nieto, Beatriz Prieto, Iago Seara, Carlos Nárdiz, Pegerto Saavedra ou Isidro García Tato.