NOTICIA

----

O ciclo que revisa os trinta anos da Facultade de Belas Artes remata mañá coa análise dos retos de futuro

“E agora que? Retos de cara ao futuro” esta é a pregunta que pretenderán responder Xosé M. Buxan Bran, Covadonga Barreiro e David Fidalgo na sesión que se poñerá a disposición do público mañá, luns 5 de abril. A cita, organizada pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) pon o ramo ao ciclo titulado “A Facultade de Belas Artes de Pontevedra trinta anos despois” que revisou o papel deste centro cando se cumpren tres décadas da súa posta en marcha. A sesión, que foi gravada previamente, subirase á rede mañá e quedará a disposición da cidadanía para consultas futuras.

Xosé M. Buxán Bran, Covadonga Barreiro e David Fidalgo son os encargados de sintetizar os retos de futuro deste centro. Desde o pasado 15 de marzo e baixo a coordinación de Ramón Rozas, diferentes especialistas sintentizaron en tres sesións as diferentes repercusións que tivo para o panorama cultural galego a posta en marcha a Facultade de Belas Artes. O centro xerou desde a súa creación unha serie de relacións entre artistas e axentes culturais que a converteron nun elemento imprescindible na paisaxe creativa da nosa contorna e que tivo gran repercusión cara a fóra.

Tres sesións, tres puntos de vista
A primeira das citas abordou o papel exercido polo profesorado. Baixo o título “A pegada docente. Os Mestres artistas”, Ramón Rozas moderou un diálogo no que participaron os docentes Juan Fernando de Laiglesia, Manuel Sendón e Marina Núñez. Entre os tres debuxaron o reto de poñer en marcha un proxecto que non existía. Para de Laiglesia foi “un baleiro emocionante cheo de anécdotas. Comezamos impartindo as clases no Teatro Principal porque nós non tiñamos espazo físico, nin campus, pero si un proxecto tan forte e tan claro que non importou a escaseza de medios e infraestruturas”. Manuel Sendón e Marina Núñez ofreceron o punto de vista persoal deste cambio.

Naquela primeira promoción comezaron os estudantes seleccionados ao modo anglosaxón: entrevista presencial e dosier. Entraron 120 alumnos e alumnas, dun total de 280 solicitudes, que puxo en evidencia a demanda. Sobre o papel do alummnado falaron na segunda sesión Amaya González Reyes, Rosendo Cid e Basilisa Fiestras, que achegaron un punto de vista moi persoal.

A terceira sesión serviu para afondar na “Recepción da nova creatividade no ámbito artístico galego”. Críticos e comisarios de arte como Ánxela Caramés, Susana Cendán e Ángel abordaron como as diferentes xeracións de novos artistas se foron facendo un sitio no ámbito artístico galego. Para Susana Cendán “a creación deste centro foi moi positiva por moitos aspectos pero, sobre todo, pola profesionalización, xa que o artista que sae de aquí ten unha formación técnica e investigadora”. Un aspecto no que coincidiu con Ánxela Caramés, que falou da “consolidación dunha cultura da arte contemporánea que ía mais alá que a figura do artista. Serviu para tecer redes e aumentar a situación da arte contemporánea en Galicia”. Pola súa banda, Ángel Cerviño destacou que supuxo un punto de non retorno. “O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) creouse para recibir a primeira promoción, deu lugar a unha nova xeración e supuxo tamén a eclosión da muller”.

Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e entre os seus membros figuran Manuel Vilariño, Rosario Sarmiento, Asunta Rodríguez, Sofía Santos, Ramón Rozas, Miguel Fernández-Cid e Jesús Pastor. Esta Sección realizou diferentes informes, como por exemplo “Arte+mulleres. Creadoras galegas”, centrado na visibilización das artistas no eido das artes visuais en Galicia desde 1990 ata 2013, e creou a plataforma web ATALAIA. Arte contemporánea en Galicia, unha base de datos actualizada, un directorio e un centro de recursos para coñecer artistas, obras, eventos, publicacións e entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia e que veu a luz en 2010.