NOTICIA

----

O escritor Luisgé Martín falará mañá sobre a mentira na literatura no ciclo “Pensarmos”

“A literatura usa a ficción e a mentira para crear unha verdade superior a todas elas. Pero hai tamén unha literatura que trata do disimulo, da mentira, do disfraz, da mentira en suma”. Así presentou Luisgé Martín (Madrid, 1962) a súa intervención no ciclo “Pensarmos”, organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG), e que este ano se centra na mentira. Baixo o título “Cen vidas falsas” o escritor ofreceu o seu relatorio que foi gravado e xa se pode consultar no web da institución. Mañá, ás 18:00 horas, producirase un coloquio en directo entre o propio Luisgé Martín, a coordinadora do ciclo, Carme Adán; e escritor Juan Tallón. Todas as persoas que queiran intervir poden facelo a través do correo participa@consellodacultura.gal.

“Cien noches” (Premio Herralde de Novela, 2020) é a última novela de Luisgé Martín, e tamén o texto sobre o que falarán mañá xoves o propio autor xunto con Carme Adán e Juan Tallón. Na súa intervención previa, que se pode consultar no web do CCG, o autor fai un repaso por algúns títulos da súa bibliografía para falar da relación entre a literatura e a mentira. Nese repaso, asegura Luisgé, “descubrín un trazo da miña obra que me chamou moito atención. Hai figuras que se constrúen para vivir a mentira que vivimos”. “Cien noches”, novela galardoada en 2020 co Premio Herralde de Novela, servirá de punto de partida para o coloquio xa que o tema central é a infidelidade sexual que, para o autor, é o que máis mentiras provoca no mundo. “A súa protagonista afirma que a mentira non corroe o amor, xa que a sinceridade absoluta non forma parte do pacto sentimental” asegura este escritor que tamén afirma que “todos somos conscientes que a sinceridade absoluta nos levaría ao desastre en calquera ámbito da nosa vida”.

Os participantes
Luisgé Martín (Madrid, 1962) é licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidad Complutense de Madrid e MBA polo Instituto de Empresa.
No ámbito literario, publicou os libros de relatos Los oscuros (Alfaguara, 1990), El alma del erizo (Alfaguara, 2002) e Todos los crímenes se cometen por amor (Salto de Página, 2013). A súa primeira novela foi La dulce ira (Alfaguara, 1995). Logo publicou La muerte de Tadzio (Alfaguara, 2000, galardoada co Premio Ramón Gómez de la Serna), Los amores confiados (Alfaguara, 2005), Las manos cortadas (Alfaguara, 2009), La mujer de sombra (Anagrama, 2012), La misma ciudad (Anagrama, 2013) e La vida equivocada (Anagrama, 2015). En 2016 publicou a autobiografía sentimental El amor del revés e, en 2018, o ensaio El mundo feliz (Anagrama).

En 2013 obtivo o Premio Llanes de Viajes co libro Donde el silencio. Participou en diversos libros colectivos de relatos. No ano 2009 gañou o Premio Antonio Machado co conto Los años más felices e, en 2012, o Premio Mario Vargas Llosa con Los dientes del azar. Colabora ocasionalmente como articulista en diversas publicacións periódicas e dirixiu a revista literaria EÑE.
Juan Tallón (Vilardevós-Ourense, 1975). É licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballa no ámbito do xornalismo, e na actualidade colabora como freelance para os medios Cadena Ser, El País, El Progreso e Jot Down.

É autor das novelas “A pregunta perfecta”, “Fin de poema”, “El váter de Onetti”, “Salvaje oeste” e “Rewind”. Tamén publicou obras de non ficción como “Libros peligrosos”, “Mientras haya bares” e “Manual de fútbol”.

A contar mentiras
“Durante todo o 2021 imos dedicar o ciclo “Pensarmos” a falar sobre un concepto tan filosófico como é o da verdade, pero nós enfocarémolo sobre o que hai no fondo, a ver como se constrúen as mentiras en distintos ámbitos” asegura a súa coordinadora Carme Adán. A construcción deses discursos falsos, a súa difusión e a pervivencia en ámbitos tan dispares como o amor, a xustiza ou a ciencia é sobre o que falarán, a modo de diálogo, os diferentes participantes.

O ciclo continúa en marzo co escritor Luisgé Martín, que dialogará con Juan Tallón sobre as mentiras no amor. En abril, a psiquiatra Iria Veiga dialogará con Luisa Martínez e no mes de maio está prevista a intervención da xuíza do Tribunal de Xustiza Superior Vasco Garbiñe Biurrun. A escritora Brigitte Vasalo falará sobre a construción de alteridade, violencia e capitalismo no mes de xuño. Despois do verán o ciclo retomarase con Carlos Varela e o filósofo e escritor Juan Jacinto Muñoz.

Pensarmos
En xaneiro de 2019 a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo ”Pensarmos”, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas co obxectivo de abordar os problemas da actualidade. Posverdade, fascismos dixitais, tecnopersoas, precarización da vida, perda de liberdades, huanismo dixital… son algunhas das temáticas que se trataron no marco deste foro polo que pasaron xa unha ducia de persoas como Javier Echevarría, José María Lasalle, Fernando Broncano ou Margarita Boladeras. Todas as intervencións están gravadas e pódense consultar desde o web institucional e a nosa canle de youtube.

Sección de Pensamento
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto, entre outros. No marco da actividade desta Sección revisouse a figura de personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou, máis recentemente, Karl Marx.