NOTICIA

----

A colección “Clásicos da emigración” suma unha nova obra que amosa a Luís Seoane como poeta

Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979) foi un dos intelectuais máis completos da cultura galega. A súa figura, máis coñecida polo seu destacado traballo no ámbito das artes plásticas, cultivou moitas outras facetas. Hoxe, no marco da colección “Clásicos da emigración” que promoven o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Secretaría Xeral da Emigración, preséntase Fardel de eisilado, que amosa tamén a súa faceta poética. O profesor de lingua e literatura Gregorio Ferreiro Fente é o encargado do detallado estudo desta obra. Ademais, o CCG enriquece a publicación deste volume, que xa se pode descargar no sitio web da institución, con fotografías procedentes do Arquivo da Emigración Galega.

Fardel de eisilado ía chamarse inicialmente Fardel de emigrantes, porque para Seoane non hai distinción entre emigración e exilio, para el son persoas que foron expulsadas da sociedade” asegura Gregorio Ferreiro, autor do estudo introdutorio desta obra. É a quinta entrega da colección Clásicos da emigración e presenta a versión facsimilar dunha obra que nos achega unha parte moi persoal de Luís Seoane cando se cumpren 110 anos do seu nacemento. “Aquí céntrase na súa experiencia como exiliado, que tamén se pode trasladar ao ámbito do exilio en xeral” asegura Gregorio Ferreiro. O propio Seoane confesaría pouco antes de morrer que este icónico poemario foi “un dos seus libros máis queridos”.

"A xénese do poemario hai que situala a bordo do Highland Princess, paquebote de bandeira británica no que, en 1949, Luís Seoane fai unha viaxe de Londres a Bos Aires con escala no porto de Vigo". Di Ferreiro no estudo que o artista sente a necesidade de versificar “aguilloado por un sentimento de derrota persoal, por pura necesidade de expresar o seu desacougo”. O libro tardou tres anos en cobrar forma e o proxecto mudou bastante neste tempo. Estaba concibido inicialmente como un álbum ilustrado con poemas e non como poemario. O texto final conserva seis dos oito poemas do proxecto primixenio e engade outros oito de nova factura.

“El fai unha poesía prosaica que pretende comunicar unha mensaxe; pretende expresar unha realidade social, un problema…” asegura Gregorio Ferreiro, que destaca o coidado uso da linguaxe pero sobre todo conecta a innovación na súa poesía con toda a súa traxectoria creadora. O libro é unha das primeiras mostras da poesía socialrealista que irrompeu no sistema literario galego da época e que tivo a Celso Emilio Ferreiro como o seu máximo expoñente.

O Fardel alcanzou, como se asegura no estudo introdutorio, “unha nada desestimable difusión na Galicia da época, dentro sempre do minoritario círculo de lletraferits, especialmente de ideario galeguista, interesado na poesía en galego ou en calquera manifestación literaria escrita no idioma do país”. Foi un dos libros prohibidos que se intercambiaban nos circuítos antifranquistas.

O Consello da Cultura Galega aproveitou a presentación desta publicación para subir diferentes materiais procedentes do Arquivo da Emigración Galega relativos á figura de Seoane e á súa condición de exiliado.

Colección Clásicos da emigración
“La emigración en Galicia” publicada por Ramón Castro López en 1923 foi o punto de apertura dunha colección de libros que, baixo o título Clásicos da emigración, pretende ofrecer un reflexo fiel do que supuxo a emigración galega tanto para aqueles que a viviron desde os seus países de destino como para os que os viron marchar.

A colección está integrada por unha ducia de títulos de diferentes xéneros que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías e que, así, poden ser máis accesibles para o público investigador, mais tamén para calquera persoa interesada no tema. Reúne as distintas perspectivas que marcaron un dos fenómenos demográficos máis importantes dos últimos séculos en Galicia a través de obras que abranguen tanto ensaios como literatura de ficción ou biografías, entre outros xéneros, escritos entre principios do século XX e os anos 60, aproximadamente. Cada un dos volumes está prologado por un especialista contemporáneo na materia, como Ramón Villares, Raúl Soutelo ou Xosé M. Núñez Seixas, entre outros.

Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luís Domínguez.