NOTICIA

----

O ciclo sobre Concepción Arenal analiza na Coruña a súa faceta como visitadora de mulleres nas cadeas

A Coruña acollerá o vindeiro venres 23 de outubro (Fundación Luís Seoane, ás 18:00 horas) unha mesa redonda que analizará o labor de activismo social de Concepción Arenal en relación coas presas. Esta sesión, que ten como título “Alianza entre mulleres dentro e fóra do cárcere”, é a segunda cita dun ciclo do Consello da Cultura Galega (CCG) orientado a analizar a vixencia da obra e o pensamento desta intelectual. A actividade insírese nos actos organizados pola institución para celebrar o bicentenario do nacemento de Concepción Arenal.

Concepción Arenal foi recoñecida durante un tempo como “visitadora de mulleres” polo seu importante labor de activismo social vinculado ás persoas máis desfavorecidas e, en especial, ás mulleres e ás presas. Na maioría deses proxectos contou coa colaboración de Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina. Na mesa redonda “Alianza entre mulleres dentro e fóra do cárcere”, a segunda do ciclo “O mundo do porvir: no bicentenario de Concepción Arenal Ponte”, analizarase a singularidade da súa intervención no espazo público, así como o seu achegamento ás excluídas na prisión.

Esta xornada, realizada en colaboración co Instituto de Estudos Coruñeses José Cornide, comezará cunha contextualización biográfica e intelectual de Celia Pereira Porto, avogada laboralista e membro da Sección de Pensamento do CCG. Despois, Pilar García Negro analizará os vínculos de Concepción Arenal con Juana de Vega, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán.. A avogada Yolanda Ferreiro completa esta sesión cun relatorio titulado “A exclusión das excluídas: mulleres, prisión e dereito”.

O ciclo
“O mundo do porvir: no bicentenario de Concepción Arenal Ponte” é un ciclo que pretende facer un percorrido retrospectivo pola biografía e obra desta intelectual a través dos lugares do país que máis a marcaron. A programación arrincou o venres 16 en Ferrol. Despois da sesión deste venres na Coruña, haberá unha en Vigo (Marco, 29 de outubro) e outra en Santiago de Compostela (CCG, 6 de novembro), na que se dá conta da súa proxección internacional.

Celebración do bicentenario
Este ciclo enmárcase dentro dos actos organizados polo Consello da Cultura Galega para celebrar o bicentenario do nacemento de Concepción Arenal Ponte. Comezaron o 31 de xaneiro cunha actividade que se desenvolveu no cárcere da Lama, en Pontevedra. A cita consistiu na proxección do filme “Concepción Arenal, a visitadora de cárceres”, dirixido por Laura Mañá e protagonizado por Blanca Portillo, que aborda a figura e o labor da avogada, escritora e humanista galega. A TV movie conta como, desde a cadea de mulleres da Coruña, inicia a súa loita activa por mellorar as condicións de vida e instrución das presas e por iniciar a reforma das institucións penitenciarias. No coloquio posterior á proxección participaron Celia Pereira Porto, avogada e estudosa da obra de Concepción Arenal; dúas das actrices do filme, Mabel Rivera (Juana de Vega) e Isabel Naveira (María, presa), así como a subdirectora de tratamento da cadea, Ana Terlera Bao. Os internos e as internas mantiveron un intenso diálogo en que se abordaron temas como as posibilidades e formas de reinserción, a formación, a maternidade dentro da cadea, a pertinencia dunha figura independente como a que exerceu Concepción Arenal no seu tempo, medidas para evitar a reincidencia e tamén a perspectiva diferenciada das mulleres dentro da cadea.

Dous meses despois presentouse virtualmente a edición en galego de “A muller do porvir”, que estivo arroupada cunha lectura colectiva na que participaron Rosario Álvarez, presidenta do CCG, María Xosé Porteiro, Inma López Silva, Mabel Rivera, Isabel Naveira e Celia Pereira.

Sobre Concepción Arenal
“Odia o delito e compadece o delincuente” é unha das frases máis célebres desta pensadora, avogada, feminista e renovadora nada en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820 e finada en Vigo o 4 de febreiro de 1893. Foi unha muller extraordinaria que se adiantou ao pensamento feminista español do século XIX, como demostra a súa idea de que “a sociedade non pode en xustiza prohibir o exercicio honrado das súas facultades á metade do xénero humano”. Formouse, reflexionou e traballou para liberar as mulleres da predestinación, da ignorancia e da dependencia. Desenvolveu un inxente labor intelectual e publicou preto de corenta libros, nos que criticou duramente a sociedade do seu tempo. Foi precursora na reivindicación da capacidade intelectual das mulleres e do dereito a recibiren a mesma educación que os varóns. Desde ben nova dicía que “ser muller non significa ser parva” e quería cursar estudos superiores, algo inaudito nunha muller daquela época. Contra a opinión da súa familia, comezou a asistir á universidade aos 21 anos, vestida coma un home porque as mulleres tiñan prohibido ser universitarias. Colaborou en revistas e xornais e escribiu poesía, teatro, zarzuela, novela, ensaio e textos científicos de carácter xurídico. Entre moitas outras obras publicou “Cartas a los delincuentes” (1865), “El reo, el pueblo y el verdugo o la ejecución de la pena de muerte” (1867) ou “La mujer del porvenir”, un libro en que definía como debía ser a muller do futuro.