NOTICIA

----

O "Álbum da Ciencia" pretende cubrir os déficits no coñecemento científico e incorporará 300 biografías elaboradas por 23 investigadores

O proxecto do “Álbum da Ciencia” encaixa no que o Consello da Cultura Galega entende que debe ser a cultura científica e “ven cubrir evidentes déficits no coñecemento dese ámbito fronte á cultura humanística”. Así o definiu Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente da institución e coordinador da Sección “Ciencia, natureza e sociedade”. O proxecto, que xa pode verse e consultarse en www.culturagalega.org/albumdaciencia/, foi presentado hoxe polo seu director Xosé Antonio Fraga Vázquez, que deu conta das xa consultables primeiras vinte biografías, resultado do traballo dun equipo de 23 especialistas, que irán incorporando outras achegas ata acadar as trescentas biografías. Pola tarde o Álbum foi presentado ao público nun coloquio no que xunto cos relatores citados interviu Ángel Carracedo, catedrático e investigador de referencia da Universidade de Santiago. O Álbum da Ciencia supón un novo paso para un ambicioso proxecto do CCG: a futura elaboración do Álbum de Galicia.

O novo espazo wev do CCG: www.culturagalega.org/albumdaciencia/
é un proxecto co que a instituciónco que a institución contribúe ao fomento da cultura científica na sociedade por medio da difusión do labor desenvolto polos científicos máis sobranceiros da historia de Galicia. “Ten algo máis que unha dimensión divulgativa polas achegas investigadoras e académicas dos expertos, o que fai do proxecto algo único na Rede”, dixo Xosé A. Fraga., que salientou asemade a traducciòn ao ingllés de 25 das trrescentas biografías programadas.

O punto de partida do proxecto sitúase en 2007. Ao cumprirse o centenario da fundación da Junta para Ampliación de Estudios (JAE), o Consello da Cultura Galega decidiu crear o Álbum da Ciencia, un espazo destinado a recoller as biografías dos principais protagonistas da valiosa obra da JAE en Galicia, científicos e outros pensadores.

NOVA ETAPA

O Álbum da Ciencia inicia agora unha nova etapa na que se ocupará do ámbito científico e ampliará substancialmente o tramo temporal analizado. Un ambicioso e innovador proxecto que ten como punto de partida as 201 biografías elaboradas para o Diccionario histórico de científicos galegos (editado en dúas partes en 1993 e 2005 polo Grupo de Traballo de Historia das Ciencias do Seminario de Estudos Galegos), cuxos textos serán actualizados e reformulados. A iso debe engadirse a incorporación de novas entradas, correspondentes a outros autores, nomeadamente os que desenvolveron o seu labor entre 1936 e 1975, e as relativas a institucións científicas salientables. O principal criterio utilizado para a selección de autores será a relevancia da obra no momento histórico que viviron e o seu vínculo con Galicia.

O resultado final permitirá ofrecerlles aos usuarios un total dunhas 300 entradas en liña, unha parte substancial do I+D histórico do país, unha especie de panteón virtual da excelencia científica, que proporcionará unha valiosa e actualizable información a públicos diversos. Con esta iniciativa o Consello da Cultura Galega contribúe ao fomento da cultura científica da sociedade por medio da difusión do labor desenvolto polos científicos máis sobranceiros da historia de Galicia.

Nesta primeira entrega figuran nomes como os de Ramón María Aller, Juan Varela de Montes, Antonio Casares Gil, Juan Jacobo Durán Loriga, Alejandro Rodríguez Cadarso, Ramón de la Sagra, Bibiano Fernández Osorio-Tafall ou José Alonso López y Nobal, entre outros.

A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de máis de vinte colaboradores especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.

COLOQUIO CON ÁNGEL CARRACEDO

A presentación do album da ciencia ao público interesado tivo lugar pola tarde no Salòn de Actos do Consello da Cultura Galega. O coloquio contou cos tres relatorios:

Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente da institución:
“O labor da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do CCG”;
Xosé A. Fraga Vázquez, director do proxecto:
“O Álbum da Ciencia, obxectivos e contidos”, e
Ángel Carracedo, catedrático e investigador da USC:
“A xenómica galega no contexto mundial: unha ciencia sen historia pero con todo o futuro por diante”.

www.consellodacultura.org
www.culturagalega.org/albumdaciencia/