A Consellería de Cultura e Educación e o Consello da Cultura Galega asinaron un protocolo de colaboración para impulsar a normalización lingüística

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para a normalización lingüística, que permitirá ampliar e compartir na Rede os servizos e os recursos deseñados e implementados desde o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (www.consellodacultura.org/arquivos/cdsg/). Destacan a Biblioteca para a Normalización Lingüística e a plataforma d-Lingua para a promoción do galego. Ramón Villares agradeceu a continuidade da colaboración iniciada pola Consellería en 2010 e Jesús Vázquez Abad afirmou que o acordo complementa outras liñas de cooperación como a dos XIV Encontros para a normalización lingüística que o Consello da Cultura celebrará os días 8 e 9 de marzo na Cidade da Cultura de Galicia.

O protocolo asinado permitirá incrementar, mellorar e compartir os servizos e os recursos impulsados desde o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia. Actuacións que incluirán a “Biblioteca para a normalización lingüística” (consulta avanzada do catálogo de monografías, publicacións seriadas e documentación especial), “Lingua en titulares” (buscador de novas relacionadas coa sociolingüística e a planificación lingüística), “d-Lingua” (plataforma web para compartir recursos baixo licenza Creative Commons), actualización do “Kit para a normalización lingüística” creado en 2006 e o boletín mensual “Novas da Rede de dinamización lingüística”.

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, valorou o feito de que este protocolo de colaboración permitirá impulsar e difundir aínda máis “o importante traballo que ven desenvolvendo o noso Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG)”.
Jesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, subliñou a vontade da Xunta de que o Consello da Cultura Galega, a través do CDSG, siga a asumir un papel activo no marco da súa participación na Rede de Dinamización Lingüística, á que está adherido desde a súa creación” e que “contribúa na realización de labores de apoio documental, intercambio de recursos sociolingüísticos e difusión de materiais de interese nas accións que se impulsen a través dela”.

O rozamento das actividades a desenvolver con cargo a este acordo ascende a 41.000 euros, dos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenaciòn Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Polìtica Lingüística, aportará 36.000 euros. O Consello da Cultura Galega achegará 5.000 euros e desenvolverá as actuacións previstas nun protocolo que estará vixente ata o próximo 30 de novembro.

A sinatura do protocolo de colaboración tivo lugar na Biblioteca do Consello da Cultura Galega e contou tamén coas presenzas de Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, de Henrique Monteagudo, director do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega, e de Rosario Álvarez, vicepresidenta da institución.