NOTICIA

----

Ramón Villares, Benxamín Casal e Claudio Rodríguez Fer presentaron en Lugo o libro "Luís Seoane entre Galicia e Arxentina"

A Galería Sargadelos, (Praza de Santo Domingo, 4 de Lugo) acolleu o 29 de febreiro ás 20 horas a presentación do libro EMIGRANTE DUN PAÍS SOÑADO. LUÍS SEOANE ENTRE GALICIA E ARXENTINA, editado polo Consello da Cultura Galega. O libro subliña a “dobre cidadanía” que marcou a biografía de Luís Seoane “combinando unha idea concibida desde Galicia coa achega dunha perspectiva propiamente arxentina”, en palabras de Ramón Villares, quen alén da dimensión artistica salientou a figura do intelectual "un ideólogo cun proxecto cultural para modernizar Galicia".
Na presentación xunto con Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega e editor do libro, interviron Benxamín Casal, presidente da Editorial Galaxia e o profesor da USC e escritor Claudio Rodríguez Fer.

A obra reúne en cincocentas páxinas as contribucións dos relatores galegos e arxentinos protagonistas do Congreso Internacional Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía, celebrado en Santiago de Compostela e A Coruña en abril de 2010, coorganizado polo Consello da Cultura Galega e a Fundación Luís Seoane. Un foro que reflexionou amplamente sobre a figura sobranceira e a acción creativa de Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979) nunha dobre dirección territorial e cultural, entre a emigración e o exilio, e as súas dimensións como axente creativo e construtor dun proxecto cultural de intensa repercusión e influencia.